O deputado socialista Juan Díaz Villoslada reclamoulle hoxe á Xunta a constitución dunha autoridade única de transporte de viaxeiros para a área metropolitana da Coruña. Así llelo trasladou ao conselleiro de Vicepresidencia a través dunha pregunta oral que presentou no Pleno celebrado hoxe no Parlamento de Galicia.
O responsable socialista explicou que o transporte é “a maior demanda dos veciños” dunha área que aglutina a 450.000 persoas que precisan dunha “iniciativa clara” para coordine e xestione o transporte metropolitano a través dun “consorcio ou autoridade metropolitana de transporte como primeiro ente metropolitano”. Propón así “reunir baixo unha soa autoridade administrativa a xestión da mobilidade por estrada”.
Díaz Villoslada lembra que este mesmo esquema de xestión coordinada “xa se manifestou no Concello da Coruña coa articulación de servizos de ámbito supramunicipal como o da auga potable desde Emalcsa, a depuración de augas desde a Edar de Bens e o tratamento de lixo desde Nostián”.
Ademais lembra que agora é “o momento oportuno par avanzar na mobilidade metropolitana porque no ano 2019 vencen gran parte das concesións de transporte metropolitano que interactúan coa cidade e sería o momento de reformulalas no novo escenario”.
Sinalou á necesidade de sumar ao proceso, no que xa se atopan os concellos de A Coruña e os 8 integrantes do Consorcio das Mariñas, aos concellos de Arteixo, Cerceda, Laracha e Carballo. Apunta que na cidade “xestiónanse cada ano cerca de 21 millóns de viaxes pola actual concesionaria de transporte urbano”, mentres “complementariamente interactúan coa cidade uns 6 millóns de traxectos en bus de tipo metropolitano”.