O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que consensúe no Parlamento as medidas de reforma das políticas públicas ata o final da Lexislatura. Na sesión de control ao presidente da Xunta, o responsable socialista comezou reivindicando un acordo para acadar un “cambio notable” na Política Forestal de Galicia.
Fernández Leiceaga apuntou ás 100 propostas presentadas polos socialistas galegos ao documento de conclusións da Comisión de Incendios do Parlamento para “darlle un futuro ao monte” e “reverter as políticas que non funcionaron” comezando pola prevención de incendios.
Neste sentido, propuxo o reforzo do Banco de Terras, brigadas profesionalizadas dependentes da Xunta, a promoción de pastos extensivos que permitan reducir o risco de incendios ao funcionar como cortalumes naturais ou determinar unha porcentaxe máxima de plantación de eucaliptos nos plans de ordenación municipais.
O responsable socialista ofreceu hoxe “consenso pero a cambio de reformas –na política do goberno galego-, non consenso a cambio de nada”. Lembrou o “contrato con Galicia” co que Feijóo se presentou en 2009 e que a día de hoxe continúa incumprido, no que “falaba de rexeneración democrática, e que mellor que comezar polos medios públicos e ter un director da CRTVG elixido polo Parlamento de acordo coa Lei de 2011”.
Leiceaga instou a cumprir integramente a Lei de Medios Públicos de Comunicación tamén no relativo á aprobación do Estatuto Profesional dos xornalistas e a posta en marcha do Consello de Informativos, “comprometéndose co pluralismo, a neutralidade e a veracidade da información”. O portavoz socialista aludiu así á dimisión dos dous presentadores do Telexornal Serán por discrepancias co control dos medios públicos de comunicación.
Lembrou o seu compromiso co consenso na lingua, para o que reclamou “dar marcha atrás ao seu decreto do Plurilingüismo que quebrou o consenso” recuperando o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en 2004. Tamén reclamou garantir a calidade da asistencia sanitaria cun catálogo de servizos que inclúa as prestacións mínimas tamén nos hospitais periféricos, ou implantando hemodinámica 24 horas en Lugo e Ourense.
Tamén reclamou o cumprimento do plan de construción de residencias públicas para “aliviar unhas listas de espera insoportables”, e garantir a igualdade de homes e mulleres nos Consellos de Administración das empresas públicas autonómicas.
Tempo xusto
O portavoz socialista aludiu á decisión de Feijóo de renunciar a irse a Madrid “polos motivos que sexan” pero, respondeulle, “non sei se hoxe coa profusión de candidatos no PP é o mellor momento para presumir de estabilidade política no seu partido”. En calquera caso, dixo, ata o remate da Lexislatura haberá “o tempo xusto para concentrarse no emprego e reducir os 120.000 ocupados menos que cando chegou á Xunta”.
Urxiu ao presidente da Xunta a “reverter a política de recortes nos servizos públicos e nos dereitos sociais, loitar contra o desequilibro territorial ou pola redución das listas de espera na Dependencia”.