O presidente e voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, valorou hoxe o “compromiso firme” do goberno socialista co Corredor Atlántico, manifestado polo ministro de Fomento, José Luis Ábalos, na presentación desta ruta en Madrid.
“Creo que é unha boa noticia que o Ministerio de Fomento manifeste o impulso deste corredor, o segundo que circula por España”, destacou en declaracións aos xornalistas, para sumar a este feito positivo “o compromiso manifesto coa conexión co noroeste”.
Así mesmo, o dirixente socialista resaltou que este corredor “non só ten unha elevada prioridade” para o goberno socialista, senón tamén “un calendario relativamente próximo para o que son as infraestruturas ferroviarias”, en alusión á data de 2025 para a conexión Vigo-A Coruña e Vigo-Venta de Baños.
É, como dixo Fernández Leiceaga, “unha referencia moi favorable”, posto que encadra o proxecto dentro das posibilidades de utilización do último período de fondos europeos para este tipo de proxectos.
En paralelo, o presidente e voceiro parlamentario do PSdeG puxo en valor “a proposta de colaboración institucional” lanzada polo ministro Ábalos, na medida en que “indica vontade de que sexa un compromiso firme e de que estea por riba das circunstancias electorais e políticas”.