O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou hoxe o intento de “censura contra a liberdade dos grupos parlamentarios” por parte da Presidencia do Parlamento logo do intento de impedir un encontro dos familiares do paciente falecido no PAC da Estrada e dos representantes dos “PACs en pe de guerra”.
O responsable socialista considera “un erro” por parte da presidencia o ter negado o uso dunha sala común do Parlamento para celebrar a sesión de traballo “como fixemos tantas”, mesmo logo de tela concedido ao Grupo Socialista. Sinalou que o “exceso de sensibilidade” e o “nerviosismo” amosado polo PP con relación ao sistema sanitario “non debe impedir que os grupos parlamentarios fagamos o noso traballo”.
Sinalou que “non entendemos o seu fundamento” para negar o uso da instalacións do Parlamento, xa que “non se trata de suplantar ningún órgano parlamentario, senón de traer ás voces que o Grupo do PP se negou a admitir na Comisión” de estudo sobre os recortes na Sanidade.
Fernández Leiceaga sinalou que o presidente do Parlamento recoñeceu “de forma indirecta” que “podía ter actuado doutra maneira” convocando á Xunta de Portavoces para “clarificar calquera problema semántico” relacionado coa convocatoria da xuntanza. Ademais, o propio presidente –dixo Leiceaga- anunciou un Regulamento para o uso das salas que, puntualizou, “agardamos que non sexa para coartar, senón para poder usar as instalacións do Parlamento”.