O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe a “cegueira” manifesta no PP ao negar as “dificultades manifestas” para a xeración de emprego en Galicia e sinaladamente na incorporación de xóvenes ao mercado laboral. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamar un Plan de Choque para o emprego xuvenil e a revisión integral das políticas de emprego da Xunta, que foi vetada polo PP.
O responsable socialista advertiu que, logo de 10 anos de goberno de Feijóo, “temos un problema” coa incorporación dos mozos e mozas ao mercado laboral, e criticou a “tese de Feijóo e do PP de que cae o emprego porque cae a poboación xuvenil”. Advertiu que a marcha de mozos e mozas débese precisamente ao deterioro das súas condicións laborais e, engadiu, “a caída da poboación non impide que se siga creando emprego”.
Advertiulle ao PP que “non volvan dicir que todo vai ben –no mercado laboral- cando só 4 de cada 10 empregos son indefinidos”, o que supón que 6 de cada 10 empregos son temporais, o que “merece unha reflexión” para que a Xunta tome medidas destinadas a mellorar as condicións do mercado laboral.
Fernández Leiceaga advertiu que o problema das políticas activas de emprego é precisamente a “dificultade na execución” por parte do goberno galego, e desmentiu así que a dispoñibilidade de fondos non é hoxe o problema. O parlamentario socialista lembrou que as partidas da Xunta para o impulso do emprego aumentan precisamente polo incremento das partidas negociadas polo goberno de Pedro Sánchez destinadas ás comunidades autónomas.
Proposta
O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta un Plan de Choque para o emprego Xuvenil que complete as iniciativas do Goberno de España, impulsando ademais un Plan Retorna e un Plan de Atracción do Talento, dirixidos a captar forza de traballo cualificada do exterior. Reclamou tamén unha revisión integral das políticas de emprego do goberno galego co obxectivo de facelas máis eficaces.
Tamén pedía a incorporación de cláusulas sociais para que a contratación pública de servizos e obras inclúa como requisito condicións laborais dignas, de forma que o sector público actúe como factor de mellora das condicións laborais no mercado xeral.