A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou hoxe ao goberno galego de ter sen rematar o Plan de Infraestruturas Xudiciais 2010 – 2015, ademais de agochar os supostos investimentos, considerados extra orzamentarios ao ser executados pola Sepi. Vilán presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento na que acusou ao conselleiro de Xustiza de ter sen rematar o dito Plan dez anos do seu comezo.
Vilán explicou que a participación da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia –Sepi- permite que a Xunta agoche os investimentos. Sen embargo, “cos poucos datos que temos, deixaron sen executar 28 millóns dos 75 para infraestruturas xudiciais –o 38 por cento-, e a finais de 2018 terían realizado apenas o 70 por cento do programado para 2015, deixando pendente o 30 por cento do gasto restante logo de catro anos do seu remate”.
Sinalou así que “o goberno non cumpriu co Plan de Infraestruturas Xudiciais 2010 – 2015, que non foi publicado no DOG, e agochan as actuacións de nova construción ou gran reforma quedan pendentes, así como das actuacións de rehabilitación e mantemento que contén o Plan”. A responsable socialista advertiu que “anunciar un Plan, non publicalo e non cumprilo non é serio unha democracia”.
Suplemento de crédito
A parlamentaria socialista afeoulle ademais ao goberno galego que non incluíra as intervencións pendentes en materia de infraestruturas xudiciais na Lei de Suplemento de Crédito que foi aprobada onte para mobilizar 48 millóns de euros e que “botou botes de fume sobre a súa incapacidade de xestión sobre infraestruturas sanitarias, educativas e sociais”.
Lembrou que o Plan de Infraestruturas Xudiciais 2010 – 2015, anunciado en 2009, prevía un investimento de máis de 97 millóns de euros para levar a cabo obras de rehabilitación, ampliación ou nova construción de edificios xudiciais en Galicia. O borrador do dito plan, que “ía ser aprobado logo de enviárllelo a sindicatos e axentes do sector, quedou en borrador, e descoñecemos por que nunca foi publicado oficialmente”.