O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, Óscar Vilar Chento, presentou unha proposición non de lei para pedir o recoñecemento da galiña piñeira como raza autóctona de Galicia. O responsable socialista reclámalle á Xunta que elabore un Plan de recuperación e conservación desta especie, unha das máis antigas da Península Ibérica, que permita a súa catalogación como raza autóctona.
O deputado socialista reclamou a colaboración e o apoio da Xunta de Galicia “a través do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia (CRZG)” o cal depende da Consellería do Medio Rural. Defendeu a necesidade de iniciar unha “labor de recuperación e investigación” para que a galiña piñeira conte co seu “propio libro xenealóxico e patrón de raza” onde queden ben clasificadas as distintas variedades.
Chento sinalou a importancia de preservar a galiña piñeira que, xunto a galiña de Mos, “é unha das galiñas máis antigas da Península Ibérica”. Trátase dun exemplar ameazado ao longo da súa historia e que a comezos do século estivo “a piques de desaparecer”, chegando a contar daquela con apenas un cento de espécimes localizados principalmente “en galiñeiros do interior galego”.
Tamén destacou o “esforzo e traballo de recuperación e investigación”, por parte da Asociación Galega para a Recuperación, Defensa e Produción da Galiña Piñeira –Agalpi-, como pola Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia -Acivega-, que permitiron salvar á especie da extinción e veñen de trasladar as súas demandas aos distintos grupos parlamentarios.