Reivindica un modelo “axustado á realidade” cun dispositivo de extinción “único, profesional, estable e formado e equipado con dependencia directa da Consellería”, xa que ata o de agora os concellos están asumindo “competencias impropias”
A voceira de Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de pedir á Xunta que reformule o modelo de brigadas municipais en Galicia. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través dunha pregunta oral ao conselleiro de Medio Rural na que urxiu que os convenios se reconduzan cara á prevención de forma exclusiva.
“Galicia necesita dun modelo axustado a realidade; necesita dun servizo, dun dispositivo de extinción único, profesional, estable, formado e equipado con dependencia directa da Consellería de Medio Rural con competencias na materia e orzamento”, reivindicou a socialista, quen lembrou que os concellos “están de forma continuada asumindo competencias impropias”, como coa realización de labores de vixilancia e defensa contra incendios, que lle corresponden á Xunta.
Neste sentido, Rodríguez Dacosta lembrou que o grupo de expertos de apoio á Comisión parlamentaria sobre política forestal propuxo “reformular o modelo, incidindo na necesidade da súa reorientación cara a labores de prevención, así como reforzo da súa profesionalización, primando a experiencia e formación e aumentado o tempo de contratación a seis meses”.
Con todo, a portavoz socialista sinalou que os convenios actuais “adoecen de deficiencias”, xa que “dende o ano 2017 se detectou a falla de dispoñibilidade de xefes de brigadas” que mesmo “fixo que moitos concellos non puideran constituílas”. Ademais, censurou que se contrate ás brigadas nos períodos de alto risco, “cando as labores preventivas tiñan que estar xa realizadas”.
“O modelo de ofertar convenios os concellos ten que ser mudado cun servizo único, estable e profesional dependente da Consellería”, subliñou a socialista, quen lembrou que a contratación de fixo descontinuos para labores de defensa contra o lume lle corresponde a Medio Rural. “De non facelo así, persistirá vostede nunha estratexia cuxas deficiencias, dende o punto de vista técnico e político, están xa sobradamente contrastadas”.