A portavoz de Agricultura apela á Xunta á “sensatez” á hora de negociar cos sindicatos unha mellora nas condicións laborais do persoal temporal que traballa por períodos de 6 meses, xa que “non semella normal querer falar de profesionalidade e manter a discontinuidade”
A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de instar á Xunta de Galicia a reverter a problemática da “precariedade extrema” do persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) que presta servizos 6 meses ao ano. Fíxoo, hoxe, a través dunha proposición non de lei presentada na Comisión de Agricultura do Parlamento, que foi apoiada polo BNG e rexeitada polo PP.
Rodríguez Dacosta urxiu á Xunta a negociar cos sindicatos do sector unha mellora nas condicións laborais do persoal temporal que traballa por períodos de 6 meses entre os que se atopan “case unhas 1.000 persoas”.
“Non semella normal querer falar de profesionalidade e manter a descontinuidade dos traballadores, non só de forma parcial senón cortada en dous períodos”, sinalou a socialista, quen subscribiu as peticións das organizacións sindicais que solicitan o incremento progresivo do tempo de contratación do citado persoal de seis a nove meses. Ademais, pediu que “o tempo da prestación necesariamente se leve a cabo nun só período continuado”.
Doutra banda, Rodríguez Dacosta propuxo que as funcións asociadas do persoal contemplen cuestións “máis alá do servizo de incendios forestais”, como a súa inclusión dentro dun servizo de emerxencias no rural “que permita a súa mobilización para calquera continxencia que se poida producir ao igual que o resto do SPIF”.
Noutro senso, a responsable socialista criticou a falla de diálogo social por parte da Consellería de Medio Rural, xa que os técnicos do SPIF levan dous anos de reivindicacións non salariais “que foron non atendidas” por parte da Xunta de Galicia e, pola contra, sufriron “descontos ilegais” nas súas nóminas unha vez desempeñados os servizos mínimos.
Rodríguez Dacosta instou a “aumentar o emprego no sector” que “garanta a continuidade dos traballadores e traballadoras durante os doce meses”, así como “o establecemento de labores preventivas durante todo o ano”.
Por último, lembrou que “a verdadeira solución ante os incendios forestais pasa por unha estratexia de loita contra incendios baseada na prevención, contando con medios técnicos e humanos suficientes, que dispoñan dunhas condicións laborais dignas”.