A parlamentaria do PSdeG insta á Xunta a ampliar os puntos de vixilancia fixos e inmediata cobertura de todas as vacantes do servizo de prevención de incendios forestais antes do inicio da campaña de alto risco
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta puxo hoxe en evidencia o progresivo desmantelamento das casetas de vixilancia distribuídas polos diferentes distritos forestais de Galicia para a prevención contra os incendios forestais.
Ademais do peche de moitas destas casetas, a parlamentaria do PSdeG tamén denunciou que as que seguen abertas “non contan coa cobertura dos seus postos ao 100%”. Trátase dunha circunstancia que se repite nos centros de coordinación de distrito onde tamén existen moitos postos sen cubrir.
Carmen Rodríguez Dacosta lamentou esta situación tendo en conta que eses puntos de vixilancia son “fundamentais á hora de detectar o inicio dun lume forestal e reducir o tempo de resposta ante os incendios”. Neste senso, lembrou que eses tempos de resposta na década dos 2000 se situaba arredor dos dez minutos mentres que na actualidade, “despois dun importante desmantelamento e falta de persoal”, eses tempos de reacción sitúanse arredor dos 20 minutos.
A maiores, a parlamentaria do PSdeG fixo fincapé no “lento deterioro pola falta de investimento” nesta rede de casetas de vixilancia, o que fai “que se fíe todo a unha chamada por parte da cidadanía que é difícil que se produza en zonas pouco habitadas”.
Polo miúdo, Carmen Rodríguez Dacosta explicou que, segundo os datos do PLADIGA, o inventario de puntos reduciuse en máis dun 41% dende 2015, pasando de 73 casetas a un total de 44 casetas operativas no ano 2021. A isto, hai que sumarlle que a redución de efectivos, o que nos últimos anos deu lugar “a unha gran cantidade de quendas descubertas por falta de vixilantes contratados”.
É unha eiva que se repite no caso dos emisoristas, o que incluso provoca que en moitos distritos se desprace a vixilantes fixos para facer esta función, “deixando as casetas e torretas inoperativas”.
A deputada socialista denunciou que isto, precisamente, “foi o que sucedeu o pasado día 12 de xuño cando se produciu un incendio en Salvaterra no que arderon 350 hectáreas: a caseta estaba pechada porque o vixilante que tiña que cubrir esa quenda estaba cubrindo a praza da emisora que leva dous anos vacante no distrito XVII”. “Se esa caseta estivera aberta”, sinalou Carmen Rodríguez Dacosta, “detectaríase antes o incendio e o resultado sería, moi posiblemente, diferente”.
A maiores, recollendo tamén as denuncias realizadas polo sindicato UGT, a parlamentaria socialista lamentou que, en moitas ocasións, para paliar o feito de que as casetas estean pechadas, se envía ao punto de vixiancia a unha brigada.
Sumado á “penosidade” que supón para o persoal ter que realizar estas funcións dentro dun vehículo, Carmen Rodríguez Dacosta alertou de que, con esta situación, “pérdese operatividade”, posto que a brigada deixa de facer as funcións para as cales está encomendada. Ademais, se xorde un lume, terá que ir apagalo, podendo prolongar a súa quenda en catro horas. “Unha brigada que leva seis horas nun vehículo no alto dun monte”, enfatizou a deputada do PSdeG, “non está nas condicións idóneas para ir apagar un lume durante as seguintes seis horas”
Neste escenario, Carmen Rodríguez Dacosta demándalle á Xunta que amplíe os puntos de vixilancia fixos e que proceda “de forma inmediata” á cobertura de todas as vacantes do servicio de prevención de incendios forestais con anterioridade a campaña de alto risco.