Lamenta que o PP vote en contra de instar ao goberno galego a “corrixir esta grave disfunción” e a incluír ás corporacións e entidades locais como beneficiarios desta iniciativa para mellorar as posibilidades de emprego da xente moza
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta denunciou hoxe no Parlamento de Galicia “a flagrante e inxusta discriminación” que está a exercer a Xunta de Galicia contra as entidades locais en materia de emprego e políticas activas.
Nesta liña, advertiu das consecuencias da decisión do goberno galego de non incluír ás corporacións locais de Galicia e entidades dependentes como beneficiarios do programa de primeira experiencia profesional, limitando así as posibilidades de creación de emprego xuvenil. Con todo, o Partido Popular votou en contra dunha proposición non de lei do PSdeG na que se instaba ao goberno galego a “corrixir esta grave disfunción”.
Na súa intervención, Carmen Rodríguez Dacosta explicou que o programa de primeira experiencia profesional derívase no Plan nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia e ten como finalidade desenvolver un plan de primeiras experiencias profesionais para mozos e mozas no seo dos servizos prestados polas administracións públicas. En definitiva, constitúe un plan de choque contra o desemprego xuvenil para facilitar a súa inserción laboral e impulsar a súa contratación en canto se afiance o crecemento económico.
Porén, a orde de subvencións convocada pola Xunta en decembro do ano pasado establece exclusivamente como entidades beneficiarias á propia Xunta de Galicia e as entidades que integran o sector público autonómico. Polo tanto, o goberno galego deixou fóra deste programa ás corporacións ou entidades locais “saltándose o disposto na orde do Ministerio de Traballo que ampara esa convocatoria” e tamén o artigo 4 da Lei de emprego, que establece que as políticas de emprego, no seu deseño e modelo de xestión, deberá ter en conta a súa dimensión local para axustalas as necesidades do territorio.
DISCRIMINACIÓN “GRAVE E REITERADA”
Neste contexto, Carmen Rodríguez Dacosta lamentou que o PP siga a sustentar unha discriminación “fortemente grave porque elimina dun plumazo e sen inmutarse á administración de maior proximidade ao cidadán”. De feito, “estamos ante unha decisión incomprensible” xa que “é no ámbito local onde as contratacións en prácticas se poden facer como punto de partida de novos xacementos de emprego” e se xeran as “posibilidades de creación de emprego de maneira máis permanente”.
Para Rodríguez Dacosta, a única explicación que se atopa a esta situación é “a continua discriminación que veñen sufrindo os concellos galegos por parte da Xunta, nomeadamente os que non están gobernados polo Partido Popular”. Así, alertou da estratexia “sistemática” do goberno galego de “estrangular financeiramente aos municipios que non son gobernados por vostedes” mentres “os obrigan a asumir competencias da Xunta sen dotalos de financiamento ningún”.
“Esta discriminación xa é reiterada”, incidiu, e como exemplo disto lembrou a condena á Xunta por discriminar a municipios que non se sumaron á iniciativa “Concellos Emprendedores” ou o feito de que cando a Xunta recibiu 1.500 millóns de euros para facer fronte á pandemia non destinou nin un só euro ao concello da Coruña. Por iso, preguntou se este tipo de actitudes se deben “a que o PP non goberna nas 6 das 7 principais cidades ou non chega a presidir o 25 por cento dos concellos galegos”.
A maiores, mentres a Xunta exerce esta discriminación sobre os municipios, Feijoo atrévese a criticar ao goberno do Estado polo reparto dos fondos europeos. No canto diso, Carmen Rodríguez Dacosta convidou ao presidente da Xunta a falar da falla de execución orzamentaria da Consellería de Emprego, “que xa é un clásico”.
COA POLÍTICA DE EMPREGO DA XUNTA “PERDEN OS MOZOS E MOZAS GALEGOS”
Ao fío disto, reclamoulle ao goberno galego que se pare a analizar os datos e reflexionar, porque “a última Enquisa de Poboación Activa foi un hachazo á política de emprego da Xunta de Galicia”, situando á nosa comunidade “á cola na creación de emprego” e co paro subindo un 20 por cento entre os mozos e as mozas galegos.
Ademais, Rodríguez Dacosta lembrou que os traballadores menores de 25 anos perciben de media un salario de 7.052 euros fronte aos 17.141 da media xeral. Isto supón unha diferencia de 10.089 euros e dá lugar a unha fenda salarial de case o 60 por cento. Ante esta situación, a deputada socialista cualificou a situación do mercado laboral da xuventude en Galicia como “precario, inestable e sen dereitos”.
Foi por iso polo que –lembrou- xa a principios da lexislatura o Grupo Socialista presentou unha proposición non de lei para reclamarlle á Xunta un plan de choque de emprego xuvenil. Daquela, como agora, o Partido Popular votou en contra. “O PP gañou a votación”, proclamou Rodríguez Dacosta, “pero perderon os mozos e mozas galegos”.