A portavoz de Traballo do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou ao PP de “non crer na igualdade entre homes e mulleres”, xa que “falan dela pero non fan nada para que se faga unha realidade”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego un Plan de choque para diminuír a fenda laboral, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de ter suprimido programas específicos para reducir a fenda salarial, como foi o caso do “Muller porque si”, posto en marcha polo goberno presidido por Emilio Pérez Touriño e suprimido por Feijóo en canto chegou á Xunta. Ademais, engadiu que dende 2009 deixaron sen gastar 1.400 millóns de euros para programas de emprego, dos que 456 estaban dirixidos á formación para desempregados.
Denunciou que o goberno galego “desmontou todas as políticas de emprego existentes”, e mesmo “preferiu devolver á SEPE os fondos destinados a programas de emprego sen executar que aplicalos a programas que diminúan a fenda salarial”.
Rodríguez Dacosta responsabilizou ao goberno galego de ter situado a Galicia na cola das Comunidades Autónomas na diminución da fenda salarial entre 1999 e 2015, o período fixado pola ONU para cumprir cos Obxectivos do Milenio, que inclúe a igualdade de xénero e a autonomía da muller. Lamentou este balance para unha Comunidade Autónoma que partía en 1999 sendo a segunda con menor fenda salarial do Estado.
Explicou que se en 1999 Galicia tiña unha fenda salarial do 25,9 por cento, 6,7 puntos por debaixo da media estatal, do 32,6 por cento, dende aquel ano ata 2015 esta só se reduciu nun 3,8 por cento, acadando o peor balance de España.
Lamentou que “unha vez máis aparece a política do PP de diminuír a renda salarial para acadar un maior incremento dos beneficios empresariais”, que se traduce no “crecemento moi desigual do salario medio de homes e mulleres”. Así, mentres os homes incrementan o salario medio un 52 por cento, 9,2 puntos por enriba da media, as mulleres medran un 59,7 por cento, 4,9 puntos do 64,6 por cento de media do Estado.
Explicou que nos 16 anos comprendidos entre 1999 e 2015, o PP gobernou en 12 deles, nos que diminuíu a fenda salarial apenas un 1,8 por cento -0,2 por ano-, mentres o goberno presidido polo PSdeG, en só catro anos, reduciu a fenda nun 1,9 por cento –en torno a 0,5 puntos por ano-. Ademais, mentres en 2009 unha de cada tres mulleres tiña ingresos inferiores ao SMI, en 2019 aumentaron a dúas de cada cinco.
Concluíu que a “carencia de políticas de xénero do PP non só non reduciron a fenda de xénero entre a porcentaxe de mulleres e homes que perciben menos do SMI, senón que entre 2009 e 2019 esta medrou doce puntos, do 24 ao 36 por cento.