Critica a “irresponsabilidade manifesta” e “perversión das funcións dun órgano público
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe a “política de desgaleguización encuberta da TVG” pola decisión de permitir a realización das probas de acceso en castelán por primeira vez na historia do ente. Dacosta presentou unha pregunta logo de coñecer que a dirección do ente permite o cambio de idioma na proba tipo test no concurso – oposición convocado en novembro de 2023.
A parlamentaria socialista advirte que a eliminación das esixencias reais do galego no acceso á TVG “vai contra o principio fundacional da promoción do galego” co que debera cumprir a televisión pública”. Con esta decisión facilitan que os traballadores e traballadoras da TVG que non dominen o galego ou non teñan compromiso co seu uso poidan ocupar postos chave dentro do ente, ademais de repercutir na calidade dos contidos e na normalización do idioma.
Acusou á dirección do ente de aplicar unha política lingüística “de mínimos” para “contentar á dereita máis reaccionaria”, furtando o papel da televisión pública como “motor forte de normalización lingüística” que debera ser, lembrou, unha das súas razóns de ser. Censurou un novo chanzo na redución do galego nos contidos da canle autonómica, que está a aplicar “un modelo de televisión ao servizo do PP e non da cultura galega”.
Advertiu que esta decisión constitúe unha “irresponsabilidade manifesta” e unha “perversión das funcións dun órgano público, xestionado con diñeiro público e que funciona como instrumento de primeira orde para a construción de opinión pública”. Dacosta denunciou esta “mala praxe” por parte da dirección da TVG e a “impunidade total coa que actúan á hora de executar accións que contradín os principios fundamentais do medio público de comunicación”.