Cuestiona ao novo xerente da área sanitaria diante do conselleiro de Sanidade, a quen lle lembra que “foi removido de tódolos cargos que ocupou, e a día de hoxe aínda non se reuniu coa Comisión de Centros”
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle á Xunta que responda con “algo máis que desculpas tardías e insuficientes” diante da situación de “grave deterioro do Hospital Materno Infantil” de Ourense. A responsable socialista presentou unha pregunta ao conselleiro de Sanidade no Pleno do Parlamento polo estado dun centro que “non reúne as condicións mínimas para unha atención digna”.
A responsable socialista esixiulle ao conselleiro de Sanidade unha “resposta urxente á situación límite na que se encontra a área sanitaria Ourense, Verín e Valdeorras”. Reclamoulle que atenda ás demandas dos profesionais sanitarios que levan “meses” concentrándose tódalas semanas diante da porta do CHUOU reclamando un cambio na mala xestión da xerencia e denunciando a falta de planificación de persoal.
Dacosta cuestionou o nomeamento do novo xerente da área sanitaria, que “foi removido de tódolos cargos que ocupou, e que á data de hoxe aínda non se reuniu coa Comisión de Centros do Complexo Hospitalario”. Apunta que as obras iniciadas no Materno Infantil dende febreiro, logo de que o teito se derrubara en decembro, “non son unha solución suficiente, ademais de que non se están levando a cabo coa celeridade que corresponde”.
Criticou o “agravio comparativo” coas mulleres de Ourense con respecto aos outros pacientes no propio hospital e con respecto a outras áreas sanitarias. Neste sentido, sinalou á aparición de ratas e cascudas no corredor de acceso a urxencias e partos, a falta de espazos no Paritorio, as condicións deplorables da planta de obstetricia, así como a falta de privacidade e as altas temperaturas, ata o punto de que interfiren coa instauración da lactación.
Reclamou unha resposta urxente á “situación límite” na que se encontra a área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, sinaladamente nos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación, UCI, Atención Primaria.