Leva ao Parlamento os cambios organizativos e de contidos sen xustificar dende o 23 de outubro, que “o persoal interpreta coa obsesión de aumentar o control político”
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta levou ao Parlamento a reorganización dos boletíns informativos da Radio Galega dende o pasado 23 de outubro, que supoñen un “novo ataque en toda regra contra a liberdade informativa”. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Control da CRTVG diante deste “ataque directo contra os dereitos dos traballadores e minoración drástica da calidade informativa”.
Advertiu que a obsesión pola manipulación informativa por parte da dirección do ente ten derivado nun “caos organizativo e pésima calidade dos informativos”, que está a provocar a “caída libre” nas audiencias. Apuntou aos “sorpresivos” cambios organizativos e de contidos que a emrpesa “non quixo xustificar” e que o persoal interpreta “en chave de incrementar o control político e apartar dos micros ás profesionais que se negan a falar ao ditado dos intereses da dirección”.
Explicou esta nova modificación, coa que reducen en 15 minutos os contidos informativos da Crónica das Dúas, a información das 20,00 pasa de 30 a 10 minutos e os boletíns horarios son limitados á mínima expresión sen ningún tipo de criterio. Ademais eliminan a función dos xornalistas de redacción na elaboración dos contidos para deixalos nas mans dun superior que impón o seu sesgo informativo.
Nestes momentos a Radio Galega deixa sen informar de novas de última hora, emiten noticias sen relacionar e fan que os presentadores descoñezan o contido das noticias, limitándose á intro coa que dan paso ás informacións.
Así o dixo Dacosta no debate desta pregunta na que o director xeral do ente afeoulle que volvera presentar logo de que fora incluída na orde do día da Comisión en decembro, pero a parlamentaria lembroulle que aquela Comisión decaera polo adianto electoral, polo que a iniciativa, que estaba prevista, nunca se debatera.