Denuncia “parálise, indefinición e escurantismo” na política do PP en materia forestal
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe á Xunta de agochar os datos sobre a superficie dedicada á plantación de eucalipto en Galicia. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura para esixirlle ao goberno galego que faga público o inventario forestal que tiñan que ter actualizado en 2024.
A responsable socialista alertou de que os datos revelan que a superficie de eucalipto cortada é moi superior á recoñecida polo goberno galego para obter unha produción que supera os 6 millóns de toneladas ao ano. Esixiulle á Xunta que explique “como é posible que sen eucalipto nos viveiros, a superficie total dedicada á especie teña aumentado un 3 por cento ata as 409.026 hectáreas.
Criticou o “escurantismo” na xestión forestal do goberno galego, unido á “parálise, indefinición e desleixo”, xa que a realidade é que non hai datos oficiais do volume de madeira, polo que as cifras que manexa o executivo son “irreais”. Explicou que ese mesmo abandono da política forestal está detrás do incremento do espazo de frondosas, que corresponden ás 10.000 hectáreas de terras abandonadas e sen cultivar, ou á desaparición de outras 10.000 hectáreas de piñeiro ao ano.
O Grupo Socialista reclamou unha “aposta real” polo sector forestal que lle dea un xiro de 180 graos á “falla de planificación” do goberno galego e que garanta que este tecido produtivo, esencial para a economía e o emprego de Galicia, se manteña “vivo”. Esixiulles “transparencia e datos de superficie forestal” como primeiro paso imprescindible para poñer en valor ao sector.