O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, denunciou hoxe o intento do PP de “frear, torpedear e amordazar” a voz dos familiares do falecido no PAC da Estrada e dun médico e unha enfermeira dos PACs en folga. Así o dixo logo de que o Parlamento retirara a autorización, previamente concedida, dunha sala para celebrar aquela xuntanza.
O responsable socialista advertiu que “a xornada vaise celebrar si ou si neste Parlamento, e o PP non é digno de frear ningunha voz por moito que intente torpedear e amordazar a calquera que non poida controlar nin decidir o que vai contar”. Sinalou que “o límite que ten cruzado esta institución –o Parlamento- é un precedente moi perigoso” para “impedir dicir cousas que é preciso dicir”.
Censurou esta “situación anómala, inaceptable e indecente” que “demostra que acertamos plenamente ao convocar aquela Comisión de Investigación, acertamos plenamente ao esixir unha participación de voces plurais e acertamos plenamente ao dicir que o PP estaba intentando controlar, manipular e decidir quen pode falar e quen non”.
Apuntou que o PP demostra hoxe que “está disposto a todo” para impedir demostrar que “hai algunhas cousas que poden evidenciar que o que ten pasado na sanidade e o que está a pasar na sanidade ten responsables directos, e iso é o que se vai poñer en funcionamento a través destas voces”.
Comisión en B
Julio Torrado criticou que “estamos demacrando o funcionamento do Parlamento por culpa do PP, que está prostituíndo a utilización das normas e da Cámara en favor de intereses partidistas”. Aludiu así á oposición da Presidencia do Parlamento a unha “comisión paralela” que, explicou, “é unha denominación subxectiva que podemos cambiar, podemos chamarlle Comisión en B –ironizou-, que ao PP gústalle moito e así igual veñen a preguntar que hai de lo mío”.
Lamentou a decisión de “vender ás institucións en favor de protexer a unha Consellería, a un presidente e probablemente a algunha xente da Consellería”, na “fuxida para diante” daquel partido, que demostra que “o que era un lastre para a política sanitaria é hoxe un lastre na política institucional”.