O líder dos socialistas galegos sinala que o presidente da Xunta “non sabe cuantificar as necesidades singulares de Galicia” logo de pasar de 600 a 900 millóns en só tres días
Besteiro e Elena Espinosa representarán aos socialistas galegos na Comisión de Investigación dos contratos da pandemia
O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe que o presidente da Xunta se teña amosado “desconectado das necesidades do país”. Así o dixo logo de que este amosara a “posición máis antigalega da historia” ao evitar falar de financiamento e de condonación da débeda na súa reunión co presidente do goberno, demostrando que “non sabe cuantificar as necesidades singulares de Galicia” e da asfixia aos concellos mentres incumpre coas débedas históricas co mundo local.
O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia criticou que Rueda “insista na senda antigalega” ao renunciar á condonación de parte da débeda de 12.000 millóns de euros que teñen tódolos galegos e galegas pola xestión do PP. Amosou a súa sorpresa por que se amose “sobrado” de cartos e non queira falar de financiamento singular co presidente do goberno “pero si de necesidades singulares”.
Unhas necesidades singulares, advertiu, que o conselleiro de Facenda cifraba o venres en 600 millóns de euros, que pasaron a ser 700 o domingo, en palabras do propio Rueda, que hoxe mesmo aumentou ata os 800 millóns nunha entrevista a un medio nacional. “Isto si que é un proceso inflacionario”, ironizou o tamén secretario xeral do PSdeG, que se preguntou cal será a cifra que darán ao final da semana nesta “carreira alocada de quen non sabe levar as contas do país”..
Adiantou que Rueda si que terá que responder de financiamento na sesión de control do próximo mércores no Parlamento, onde lle preguntara pola súa renuncia a falar das necesidades e os déficits dos galegos e galegas para defender os intereses do PP, “que non son coincidentes cos de Galicia”. Advertiu que en realidade “ao non saber o volume nin as cifras non da pé a xogar un bo papel na negociación” para acadar un financiamento adecuado para Galicia.
Sinalou que o presidente da Xunta seguiu os intereses de Feijóo no canto de defender aos galegos e galegas, perdendo unha oportunidade única coa escusa de trasladar a discusión ao Consello de Política Fiscal e Financeira, que é un órgano consultivo, ou a unha conferencia de presidentes, que “non é o foro” porque require de decisións unánimes.
Gómez Besteiro criticou que Rueda renuncie á condonación da débeda “mentres asfixia aos concellos”, e non queira nin falar de financiamento singular “mentres lles reduce impostos ás clases máis altas” renunciando a uns ingresos que “pasan longamente dos 400 millóns de euros”. Criticou a “hipocrisía fiscal” do PP, que rompe a corresponsabilidade fiscal e cunha man lle pide máis cartos ao Estado e coa outra lle reduce impostos “a algúns”.
Sinalou que mentres “castiga” a tódolos concellos e á cidadanía de forma indiscriminada pola suba do canon de Sogama derivado do seu propio incumprimento das directivas europeas, lles retira aos concellos capacidade financeira. Criticou que a Xunta diga agora que as fusións de concellos son voluntarias mentres renuncian a afondar nas necesidades para analizar se o procedemento é convinte ou non.
O responsable socialista emprazou á votación da senda de gasto no Congreso, onde os 7 deputados do PP e o deputado do BNG poderán demostrar “se son capaces” de defender os aspectos singulares que afectan a Galicia. “Non vaia ser que pidamos investimentos para Galicia e despois non votemos os Orzamentos que materializan eses mesmos investimentos”, remachou.
Altri
En resposta a preguntas dos xornalistas, Gómez Besteiro deulle a benvida á líder do BNG por “centrarse na sostenibilidade económica e social” do proxecto de Altri que os socialistas levan 3 meses poñendo enriba da mesa. Diante do órdago dos nacionalistas desta fin de semana, lembrou que as axudas están reguladas, e retiralas de forma subxectiva “sería prevaricar”, logo do que sinalou que “creo que -o proxecto de Altri- non encaixa nas axudas do Estado”.
O líder dos socialistas galegos puxo o foco nas axudas que dependen do goberno galego, que debe explicar “se segue na idea de financiar este proxecto, pero sen explicar nin conde, nin como nin con canto”. Ademais, cualificou de “aberrante” a moción de censura de Muxía, que contará co apoio “sorprendente” do BNG para quitar ao PSOE da alcaldía e poñer á fronte do concello a quen ten “menos votos”.
Finalmente, confirmou que el mesmo e a viceportavoz do Grupo Socialista Elena Espinosa serán os representantes na Comisión de Investigación dos contratos da Xunta durante a pandemia. Emprazou ao PP a “non torpedear” o traballo deste órgano, que os socialistas proporán dotar dun contido “amplo e axustado”, con peticións de comparecencia “amplas”, como veñen anunciando nos últimos meses.