O secretario xeral do PSdeG comprometeuse a seguir defendendo a independencia da radio e a televisión públicas a través do Parlamento Galego, o Europarlamento “e en todos os ámbitos”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse hoxe co Comité Intercentros da CRTVG para trasladarlles aos traballadores o seu apoio contra a “mordaza” que están a padecer dende o Goberno da Xunta e que o PP quere “blindar” por lei.
Besteiro avanzou que os socialistas seguirán defendendo a independencia dos medios públicos galegos a través de iniciativas no Parlamento de Galicia, no Europarlamento “e en todos os ámbitos”, para evitar que se institucionalice, cun carácter normativo, o control que o Partido Popular exerce sobre a información que ofrecen a radio e a televisión galegas.
“Estamos no tempo da rexeneración democrática, non de volver atrás”, dixo o líder do PSdeG sobre un anteproxecto de lei de medios públicos de Galicia que, a xuízo dos socialistas, contravén todos os principios de independencia e transparencia polos que se debe rexer unha compañía coma a CRTVG. Ademais, existen serias dúbidas sobre o seu encaixe na normativa europea, que incide, precisamente, na necesidade de medios imparciais e obxectivos.
O secretario xeral trasladoulles aos representantes laborais o seu apoio e comprometeuse a loitar ao seu carón para evitar que Rueda logre perpetuar o control do PP sobre os medios públicos e o veto á participación de voces plurais, ademais de reducir o uso do galego e conculcar o dereito das galegas e dos galegos a recibir información veraz.