O candidato socialista á presidencia da Xunta destaca que o acordo “amplía dereitos laborais e os servizos públicos”
O deputado socialista e membro da Comisión Negociadora para a conformación dun novo goberno, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou hoxe a súa satisfacción polo acordo acadado entre o PSOE e Sumar logo de varias semanas de intenso traballo, e sinalou que “cando España avanza, Galicia avanza”.
O tamén candidato socialista á presidencia da Xunta manifestou que, “como membro da comisión negociadora para a conformación dun goberno progresista e como galego, estou feliz polo resultado acadado”. Salientou a importancia da alianza porque “garante o pleno emprego, amplía os dereitos laborais, os servizos públicos”, ao tempo que tamén avanza cara “un planeta máis habitable, ademais de asegurar outros catro anos de progreso”.
Neste senso, o representante lugués no Congreso insistiu en que, con este acordo, o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, “deu un gran paso para que España siga avanzado, e cando España avanza, Galicia avanza”. E abondou Besteiro en que Galicia “aínda pode avanzar máis grazas ao Partido Socialista. Estou seguro diso”, explicou, “e seguirei traballando duro para logralo”.
Concluíu destacando o candidato dos socialistas galegos que o compromiso acadado entre o PSOE e Sumar “é un acordo para toda a cidadanía española”, como se reflicte na transcendencia que teñen as 230 medidas consensuadas entre as dúas forzas políticas.