O secretario xeral do PSdeG critica que Rueda “segue máis preocupado pola súa imaxe que pola xestión” e destaca que o presidente deixa pasar oportunidades e amosa tibieza na defensa dos intereses dos galegos e das galegas, “como estamos a ver agora coa crise dos aranceis”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este domingo balance do primeiro aniversario da investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. Un ano no que, segundo afirmou, Galicia perdeu tempo e oportunidades, sen avances reais nin respostas aos problemas que máis preocupan á cidadanía.
“Cúmprese un ano de Rueda ao fronte da Xunta de Galicia, pero non debemos esquecer que os dezaseis anos anteriores das políticas erradas do Partido Popular tamén levan a súa marca, tamén tivo responsabilidades”, afirmou Besteiro, lembrando a traxectoria do actual presidente como número dous de Feijóo durante máis dunha década.
O líder dos socialistas galegos advertiu que “Galicia non ten liderado nin proxecto claro” e denunciou que Rueda “ignora os principais problemas da cidadanía”. Citou como exemplos a crise da sanidade pública —“colapsada”— e as dificultades crecentes para acceder a unha vivenda, especialmente por parte da mocidade. “E isos son reflexos do fracaso nas prioridades sociais”, remarcou.
Tamén cuestionou o modelo de país que está a impulsar o PP desde a Xunta, centrado case exclusivamente no proxecto de Altri en Palas de Rei. “Unha macrocelulosa que Galicia non necesita, unha iniciativa polémica, con escasa viabilidade e forte contestación social, que non responde ao modelo empresarial que precisamos”, sinalou. “Galicia necesita un modelo de futuro, non promesas valeiras”, engadiu.
Besteiro criticou que Rueda “segue máis preocupado pola súa imaxe que pola xestión” e afirmou que o presidente deixa pasar oportunidades e amosa tibieza na defensa dos intereses dos galegos e das galegas, “como estamos a ver agora coa crise dos aranceis”.
Neste contexto, lembrou que a pasada semana enviou unha carta ao presidente da Xunta ofrecéndolle cooperación e solicitando unha reunión para abordar xuntos esa situación. “Unha man tendida que foi rexeitada, porque Rueda prefire non facer nada antes que sentarse a falar”, denunciou. E concluíu: “Todo sabemos que isto responde máis á estratexia que lle marca Feijóo desde Madrid que á altura de miras e ás responsabilidades que se lle supoñen a quen exerce a Presidencia da Xunta de Galicia”.
Besteiro asegura que Galicia non pode seguir atrapada na inercia e esixe unha alternativa seria, con proxecto, centrada nas necesidades reais da xente: “Reforzo dos servizos públicos, acceso á vivenda, benestar social e un modelo de desenvolvemento sostible pensado para o futuro do país”.