O portavoz socialista lembrou que actualmente hai 92.000 persoas en lista de espera cirúrxica e máis de 260.000 agardando por un especialista, mentres en moitas vilas non hai pediatras. Puxo como exemplo o caso de Ángel, que leva desde maio de 2024 agardando por unha cita de oftalmoloxía: “Presentou unha reclamación e respondéronlle que o servizo está saturado e que teña paciencia
No traspaso das competencias do Litoral, Besteiro criticou que o PP apostase durante anos pola confrontación institucional, o que atrasou a transferencia que podería estar xa consolidada se se tivese optado polo entendemento
Anunciou que mañá irá ao Consello de Ministros o Real Decreto que fará efectivas as bonificacións na AP-53, no treito entre Santiago e Dozón, que estarán operativas o 1 de maio
O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu esta mañá no Parlamento de que o Partido Popular “nega o evidente” ao insistir en que a sanidade pública galega funciona ben, mentres os datos mostran un deterioro continuado do sistema nos últimos 16 anos. Fíxoo tras a multitudinaria mobilización celebrada onte en Santiago, no marco dunha campaña cidadá de protestas por todo o territorio galego debido á mala xestión do PP.
“A cidadanía xa non cre as escusas do Partido Popular”, afirmou, e cualificou de “escandaloso” que a resposta do PP chegase precisamente desde o hospital Álvaro Cunqueiro, “un centro que todos sabemos que tivo un sobrecusto de 470 millóns de euros e a derivación de recursos públicos cara a mans privadas”.
Besteiro lembrou que actualmente hai 92.000 persoas en lista de espera cirúrxica e máis de 260.000 agardando por unha consulta especializada, mentres en moitas vilas e barrios non hai pediatras e os tempos de espera para saúde mental superan os seis meses. Puxo como exemplo o caso de Ángel, que leva desde maio de 2024 agardando por unha cita de oftalmoloxía: “Presentou unha reclamación e respondéronlle que o servizo está saturado e que teña paciencia. Pero, claro se o propio conselleiro chegou a afirmar que, se unha persoa con cataratas non le, preocúpalle menos operarse, xa nos facemos unha idea do nivel de compromiso coa sanidade”.
Neste contexto, anunciou que o Grupo Socialista rexistrará hoxe unha proposición de lei que establece un prazo máximo de 48 horas para obter cita nos centros de atención primaria. “Se a sanidade pública goza de tan boa saúde como di o Partido Popular, non haberá ningún problema para apoiar esta proposta”, sinalou. O texto inclúe tamén que os centros que incumpran este prazo sexan considerados prioritarios para reforzos de persoal.
Tamén se referiu ao traspaso de competencias en materia de litoral, previsto para esta semana, subliñando que “é a primeira competencia que o PP solicita nos últimos 16 anos ao fronte da Xunta de Galicia”. Fronte a isto, lembrou que “en só catro anos de goberno socialista en Galicia se acadaron 12 novas competencias, grazas á vontade política e ao diálogo co Goberno de España”. Criticou que o PP apostase durante anos pola confrontación institucional, o que atrasou a transferencia que podería estar xa consolidada se se tivese optado polo entendemento.
Bonificacións da AP-53
En relación coa AP-53, anunciou que mañá irá ao Consello de Ministros o Real Decreto que fará efectivas as bonificacións no treito entre Santiago e o Alto de Santo Domingo, en Dozón. Explicou que, se se segue o modelo aplicado coa AP-9, estas bonificacións estarán operativas o 1 de maio e permitirán que os usuarios recorrentes pasen de pagar 280 a só 70 euros ao mes. “É unha medida longamente demandada polos socialistas galegos e que vén corrixir o esquecemento histórico da AP-53 nas políticas de mobilidade”, destacou. Engadiu que esta medida é posible grazas ao investimento aprobado polo Goberno de España de arredor de 885 millóns de euros.
Condena do asasinato de Josefa
Besteiro iniciou a súa rolda de prensa condenando o crime machista cometido onte en O Bolo, no que foi asasinada Josefa, presuntamente a mans da súa parella. “Vémonos, unha vez máis, obrigados a levantar a voz coa mensaxe de que hai que actuar, que hai que educar, pero tamén que hai que acompañar. E hai que facelo con firmeza e sen tregua, todos os días do ano”, manifestou.
Xa na quenda de preguntas dos medios, o líder socialista advertiu do impacto que poden ter os novos aranceis impostos pola administración estadounidense sobre sectores clave da economía galega, como a automoción, a agroalimentación ou a industria vinculada á defensa. Subliñou que “as competencias en materia de industria son da Xunta de Galicia” e reclamou que o goberno galego asuma a súa responsabilidade. “Hai que tomar decisións e liderar esta resposta. É un desleixo de funcións excluír estas liñas de apoio ás empresas afectadas”, afirmou. Tamén pediu anticiparse aos posibles efectos negativos do novo acordo con Mercosur, en coordinación co Goberno do Estado e coa Unión Europea.
Besteiro lembrou que o sábado enviou unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para solicitarlle unha reunión coa fin de planificar unha estratexia común ante o novo escenario que se abre tras a decisión dos Estados Unidos porque “os e as socialistas propoñemos mesas de diálogo, cooperación institucional e sentido de país”.
Por último, ao ser preguntado polo proceso de primarias que se está a desenvolver nas provincias de Lugo e Ourense, onde se presentaron varias candidaturas, defendeu que se trata dun procedemento “aberto, democrático e non dirixido”, no que todas as opcións deben ser respectadas. “É un proceso vivo, que nace da vontade persoal de quen decide presentarse e que tamén inclúe, con igual responsabilidade, quen decide non facelo. Representa os valores que abrazamos os socialistas galegos”, concluíu.