O candidato socialista á presidencia da Xunta sinala que os alcaldes de alcaldesas son de novo “os que están saíndo adiante” na crise dos pélets fronte a “ausencia institucional” dunha Xunta “desaparecida”
O PSdeG reúne en Santiago aos máis de cen alcaldes e alcaldesas do PSdeG nun encontro no que tamén participou o secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, presentou á “forza municipal” do PSdeG, que vai constituír, dixo, un dos principais piares da súa proposta política e que “nos vai catapultar cara á Presidencia da Xunta”. Así o dixo antes do encontro dos alcaldes e alcaldesas do PSdeG que celebrou hoxe en Santiago.
O candidato socialista agradeceu a presencia no encontro do secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, que amosa a “colaboración e cooperación necesaria” en tódolos niveis do proxecto socialista. Besteiro presidiu este encontro “do partido das máis de 100 alcaldías”, que gobernan a máis da metade da poboación de Galicia.
José Ramón Gómez Besteiro defendeu a xestión municipal, que é a que está “liderando” e “saíndo adiante” na crise dos pélets fronte á “ausencia institucional que evidencia unha Xunta desaparecida que non leva o timón”. Os alcaldes e alcaldesas do PSdeG, dixo, “fixeron moitísimo máis polo país do que fixo o PP”.
Sinalou que a “situación crítica” da marea plástica é “reflexo do que é o PP nos últimos 15 anos, da súa desatención, inercia e falta de traballo”, que están a suplir os gobernos municipais.
O candidato socialista agradeceu a “colaboración inestimable” dos gobernos municipais na mobilización cara ás eleccións autonómicas por canto amosan “ansia de seguir traballando por un proxecto diferente, que une ao país e vai elevar a nosa cota de éxito”.