Mil persoas deseñan a base do programa electoral socialista en torno a catro eixos: construír unha economía verde ao servizo dos galegos e galegas; recuperar uns servizos públicos que garantan a igualdade de oportunidades; avanzar na cohesión territorial de Galicia e un novo modelo para propiciar a segunda gran transformación do noso país
Salientan como poñentes destas mesas de debate o reitor en funcións da Universidade da Coruña, Julio Abalde, na de Economía Verde; a exsecretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, na de Cohesión Territorial; o que foi Ministro de Sanidade, José Manuel Miñones, pola de Servizos Públicos; e Nieves Lagares, exdecana da Facultade de CC. Políticas da Universidade de Santiago, na de autogoberno e reforma estatutaria, todos eles profesionais cunha dilatada experiencia e recoñecido prestixio no seus campos
Este sábado e domingo o socialismo galego celebrará a súa Convención Política na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, para pechar as liñas mestras do proxecto político que encabeza José Ramón Gómez Besteiro, o candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia.
Desta convención saíra o documento base do programa electoral co que o socialismo concorrerá ás eleccións e no que se definirá o proxecto que os socialistas teñen para Galicia fronte ás políticas ineficaces e esgotadas que representan os 14 anos do PP de Alfonso Rueda.
Máis de mil persoas, entre delegados do PSdeG-PSOE, representantes da sociedade galega, colexios profesionais, independentes de recoñecido prestixio, etc. participarán nas mesas de debate desta convención para elevar propostas que enriquezan o documento marco elaborado pola militancia do Partido Socialista para gobernar Galicia.
Un programa para o que Besteiro tamén realizou unha intensa escoita con empresarios, representantes sociais e colectivos galegos desde a súa recente designación como candidato á Presidencia da Xunta, un período curto pero apaixonante.
De feito, a realización desta convención política é unha mostra máis do liderado de Besteiro “e de que o PSdeG-PSOE está unido e preparado para afrontar e gañar as próximas eleccións cando queira que se convoquen, pois a última reunión deste tipo celebrouse no 2010”, explicou o candidato.
Construír unha economía verde ao servizo dos galegos e galegas; recuperar uns servizos públicos que garantan a igualdade de oportunidades; avanzar na cohesión territorial de Galicia e un novo modelo para propiciar a segunda gran transformación do noso país, conformarán os catro foros nucleares desta convención entre os que destacan como poñentes o reitor en funcións da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a exsecretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera; o que foi Ministro de Sanidade, José Manuel Miñones; e Nieves Lagares, exdecana da Facultade de CC. Políticas da Universidade de Santiago, respectivamente.
No Foro de Economía tocaranse tamén asuntos relacionados cos retos a afrontar nesta etapa de transición ecolóxica como a economía circular, a industria, a enerxía e os sectores produtivos de Galicia. O Foro de Cohesión Territorial non só fixará a súa atención nas Infraestruturas senón en piares como o acceso á vivenda ou o papel do turismo, mentres o de Servizos Públicos abordará cuestións como a Sanidade, Educación, Sociedade do Coñecemento, Feminismo, etc. O Foro de Autogoberno, como xa anunciara Besteiro, deberá estudar a reforma do Estatuto de Autonomía, a Lingua e Cultura, o papel de Galicia no mundo ou o municipalismo.
En todas elas, o Partido Socialista agradece os centos de achegas da militancia de toda Galicia e de profesionais solventes que quixeron participar neste documento.
Co lema “Agora camiña Galicia” os socialistas poñen o acento en que chegou o momento de que o noso país, tantas veces camiñado por outros, bote a andar de seu e sexa dono do seu propio camiño.
“Agora é o momento de que Galicia sexa dona do seu futuro e comece a marcar o seu propio paso, elixindo o seu propio camiño” afirmou Besteiro, que confía en que o electorado poña fin ás “políticas tristes e incapaces do PP de Rueda e que manteñen ao noso país no século pasado”.