O Grupo Socialista presenta as súas propostas de Resolución ao Debate da Autonomía, con medidas viables e fórmulas para aplicalas “de forma inmediata”
Besteiro explicou en detalle os dous grandes bloques de medidas e puxo o foco en dúas iniciativas “que nos definen como socialistas” como a defensa da Memoria Democrática e a protección de Gaza e Ucraína
Criticou que Rueda “bote balóns fóra sobre competencias que xa son propias mentres quere algunha outra máis: “Se non asumimos as competencias que temos, que mensaxe estamos a trasladar de adquirir novas?”
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, presentou esta mañá as 40 propostas de resolución que os socialistas galegos defenderán na sesión do Debate sobre o Estado da Autonomía. Trátase dun número superior ás presentadas polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen, segundo o líder socialista, “onte volveu a estar desconectado da realidade, claramente desconectado dos principais problemas que perciben os galegos e galegas”.
Besteiro afirmou que “os socialistas fomos capaces de trasladar máis propostas”, pero engadiu que “xa non é soamente o contido desas propostas, senón que fixamos mecanismos para levalas a cabo”. Subliñou que se trata de iniciativas “realizables”, que “pretenden actuar de forma inmediata e de forma eficaz sobre eses problemas, esas necesidades que ven os galegos e galegas”.
Antes de entrar a enumerar as medidas presentadas polo grupo parlamentario, Besteiro puxo o foco en dúas iniciativas como a defensa da memoria democrática: “Temos que revitalizala, temos que, como dicía onte, pechar ben as feridas, e, sobre todo, non deixar iso nun caixón que ninguén toque porque a algún lle resulte incómodo”.
Tamén abordou o papel internacional de Galicia, comprometéndose coa protección de Gaza e Ucraína, e coa idea de Europa: “Agora é o momento de comprometerse con esa idea de Europa protectora de réxime de benestar”. Neste sentido, defendeu que “o concepto da solidariedade seguirá sendo para os socialistas algo permanente, é algo que nos define”.
Modelo económico e produtivo, primeiro bloque de propostas de resolución
O líder socialista sinalou que o primeiro bloque de propostas céntrase na economía, o emprego e o modelo produtivo que inclúen un plan de primeira oportunidade para a mocidade, “dirixido a ese emprego para os mozos e mozas deste país”, cun impulso de 100 millóns de euros para chegar a 10.000 beneficiarios.
Tamén destacou “unha aposta clara que lanzamos os socialistas polas enerxías renovables, pola enerxía eólica terrestre e pola eólica mariña tamén, tamén polo biometano e polo hidróxeno”. A maiores, os socialistas propoñen acadar “o obxectivo do 3% do orzamento en I+D+i para o 2030”, centrados nun “modelo produtivo baseado no coñecemento e na innovación”.
Así mesmo, advertiu da necesidade de responder aos “novos conflitos xeopolíticos que nos afectan, e afectan as nosas empresas”, apostando pola “incorporación a novos mercados e a potenciación de mercados alternativos”.
Calidade de vida e servizos públicos
O segundo bloque das propostas socialistas céntrase na calidade de vida e nos servizos públicos. En vivenda, o PSdeG propón un Banco Público da Alugueiro para mobilizar vivendas baleiras: “Cinco mil vivendas baleiras que poderían entrar xa no mercado e a un custe razoable. Corenta millóns de euros para destinar a esta iniciativa que pon no mercado con garantías para arrendadores e con dignidade para os arrendatarios”.
Defendeu tamén o secretario xeral do PSdeG a construción de nova vivenda pública “vinculada permanentemente ao ámbito público, sen capacidade de que poidan escapar aos mercados especulativos”.
En sanidade, insistiu en que “é posible que a atención primaria se faga no prazo de 48 horas”, criticando que “despois de 16 anos no goberno, é realmente triste” que o PP non asumise a planificación da reposición de persoal. Amais, incluíronse propostas para mellorar a atención de saúde mental e para combater as listas de espera: “Son unha das principais preocupacións que teñen os cidadáns galegos e galegas no día de hoxe”.
Financiamento e fiscalidade
Besteiro defendeu de novo a condonación da débeda autonómica: “Eu aínda non encontro un galego que estea en contra da condonación, bueno, atopei a un, o presidente da Xunta”. E ironizou: “Unicamente podía entender que estivera en contra da condonación da débeda se é que tiña pensado non pagala”.
A condonación, dixo, é “o primeiro capítulo do financiamento autonómico”, pois incorpora criterios como a poboación axustada, a dispersión e o envellecemento, que “consideramos que son criterios que hai que ter sempre en conta e en relación con Galicia”.
No plano fiscal, defendeu que “a autonomía nos leva tamén á responsabilidade fiscal”. Criticou que “o Partido Popular defenda as bonificacións no imposto de patrimonio”, mentres reclama máis fondos ao Estado. E cuestionou: “Canta xente dos que estamos aquí fan a declaración do imposto de patrimonio? A ínfima minoría son os que teñen moitos bens”. Polo tanto, engadiu, que “eses 225 millóns de bonificacións de patrimonio perden coherencia co discurso reivindicativo de Galicia”.
Competencias e autogoberno
Sobre as competencias, Besteiro reclamou un enfoque serio e rigoroso: “Un presidente, aÍnda que teña maioría absoluta, o que ten que facer é abrirse á posibilidade de debates estruturais, a escoitar á oposición e reunirse con ela”.
Criticou que Rueda “bote balóns fóra sobre competencias que xa son propias mentres quere algunha outra máis. A sanidade é unha competencia propia, a vivenda é unha competencia propia. Se non asumimos as competencias que temos, que mensaxe estamos a trasladar de adquirir novas?”.
Besteiro reivindicou o papel do PSdeG como forza útil: “Non é soamente propoñer, senón propoñer con medidas e con camiños que son aceptables e posibles” porque, dixo, “a política hai que trasladala a través dos camiños da realidade, da posibilidade, non soamente da utopía e da ficción”.