O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta destaca o incremento das bonificacións das peaxes na AP-9 e a súa extensión á AP-53
Co acordo, asegura que Galicia ve garantida a condonación da súa débeda na mesma proporción que outras comunidades autónomas
José Ramón Gómez Besteiro, candidato socialista á presidencia da Xunta, puxo en valor o acordo PSOE-BNG de cara á investidura de Pedro Sánchez que permite “liberar Galicia das peaxes que nos impuxo o PP”.
En declaracións ofrecidas logo da xuntanza da Comisión Executiva Nacional do PSdeG, Besteiro, quen forma parte da comisión negociadora do PSOE para a conformación do goberno central, puxo en valor este “acordo querido, compartido e desexado”.
Reivindicou que este é un acordo “que vai máis alá das cuestións aritméticas”, xa que é parte do proxecto “pensado para liberar Galicia das peaxes que lle impuxo o Partido Popular coa súa falta de proxecto nos últimos anos”. “Queremos unha Galicia libre das cargas económicas e sociais que nos impuxo o PP”, engadiu.
Tamén se referiu ás tarifas da autoestrada AP-9 e da AP-53, xa que sinalou que “acabar con esas peaxes é un obxectivo compartido dos socialistas”. Por elo, puxo en valor esta “aposta definitiva que leva o sinal e o nome do PSOE” coa extensión das bonificacións á AP-53, a creación de novos descontos no 2024 para estas dúas peaxes, así como o aumento das bonificacións existentes.
Para Besteiro, estas medidas seguen o camiño iniciado hai un ano polo goberno de España coa bonificación do 50% da AP-9, así como para os vehículos superrecorrentes, co que buscan acadar a gratuidade total “das peaxes que nos impuxo o PP ata o 2048”. Considera que así se ratifica “a aposta dos socialistas por completar o programa de infraestruturas de Galicia” que para eles é “unha obsesión”.
BENEFICIOS DA CONDONACIÓN DÉBEDA
Respecto da condonación da débeda ás comunidade autónomas, o candidato socialista apuntou a que non estamos ante unha “cuestión bilateral” entre o Estado e Cataluña, senón que Galicia e as demais comunidades autónomas tamén serán beneficiadas por esta medida.
Outro dos eixos sobre os que pilota este acordo é “o reforzo do autogoberno en Galicia”. En concreto, lembrou que nestes 14 anos o goberno do PP non logrou acadar unha soa competencia máis para a comunidade autónoma, forzando de forma unilateral a Lei de Litoral cando os socialistas ofreceron opcións para facelo con consenso e seguridade xurídica.
Así mesmo, puxo en valor a “aposta polo galego e pola cultura galega” no acordo, co apoio aos Pertes dixitais e coa reivindicación da posición do idioma que o propio Besteiro defendeu “orgullosamente naa incorporación á normativa do Congreso”.
A aposta polas infraestruturas ferroviarias e polo Corredor Atlántico é outro dos eixo esenciais no acordo. En concreto a aposta por impulsar a conexión ferroviaria no norte do país e poñer en valor a saída polos portos. Así mesmo, sinalou que esta XV Lexislatura será a da “aposta seria polo servizo de cercanías” na comunidade autónoma.
Acusou a Rueda de ter unha “concepción torticeira” das institucións, seguindo os designios dun partido “cuxo único obxectivo é que non haxa goberno e a ver se hai sorte e hai novas eleccións”. Considera que as súas declaracións están feitas “ou dende a mala intención política para confundir ou que non sabe de que vai todo isto”.