Nicolás González Casares defende as políticas europeas como elemento fundamental para dinamizar o rural e apoiar ao tecido empresarial
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe aos socialistas galegos como os únicos capacitados de defender os intereses de Galicia no Parlamento Europeo. Dixo en Lalín que os socialistas “realmente cremos en Europa”, fronte a unha dereita cegada pola competencia coa ultradereita e as restantes opcións de esquerda, que “non saben que estamos en 2024, en plena eclosión e defensa da UE”.
O líder dos socialistas galegos fixo estas declaracións xunto co candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, antes de participar no acto de homenaxe aos 75 anos da empresa Embutidos Lalinense, que recibiu o Premio á Galeguidade Empresarial. Gómez Besteiro salientou o papel desta empresa histórica, “volcada no rural para lanzar produtos máis alá de Lalín, do Deza e todo o mundo”.
Puxo á empresa como exemplo dunha “forma de ser, de entender Galicia e de estar orgullosos da nosa lingua” e de levar os produtos do Deza ao mundo etiquetados en galego, nunha maneira de ver Europa que “queremos, compartimos e defendemos os socialistas galegos”.
O candidato socialista sinalou tamén á empresa como exemplo do resultado positivo das políticas comunitarias, xa que “fronte ás críticas, aquí temos a proba de que Europa dinamiza o rural e dos efectos do apoio ao tecido empresarial e da defensa da lingua e da cultura”.
Reiterou así o compromiso co apoio ás empresas galegas e subliñou a importancia das políticas que favorezan a transición ecolóxica e sostible, garantindo oportunidades para todos os sectores produtivos. “Embutidos Lalinense é un exemplo de dedicación e innovación, cun forte compromiso coa calidade e coa súa contorna. Celebrar estes 75 anos de historia é celebrar o esforzo de xeracións que traballaron para ofrecer produtos de excelencia”, comentou González Casares.
González Casares tamén subliñou a relevancia de que o galego teña unha maior presenza nas institucións da Unión Europea. “A defensa e promoción do galego por parte de empresas como Embutidos Lalinense exemplifica a nosa riqueza cultural e lingüística. É fundamental que a nosa lingua, que contribúe ao desenvolvemento económico e social de Galicia, tamén teña recoñecemento e uso oficial no Parlamento Europeo e outras institucións comunitarias, reflectindo así a diversidade e identidade de todos os cidadáns europeos”.
Embutidos Lalinense
O Día da Galeguidade Empresarial, impulsado polo Foro E. Peinador, conmemorou hoxe o 75 aniversario da creación de Embutidos Lalinense, destacando a súa aposta pola galeguización da actividade empresarial e da etiquetaxe dos seus produtos.
A empresa, fundada en 1949 por Amancio López, consolidouse no mercado galego grazas á visión e traballo dos seus fillos Nilo e Alfonso López, e agora conta coa terceira xeración que segue impulsando a innovación e expansión da marca.
Embutidos Lalinense é recoñecida pola calidade da súa materia prima, especialmente nos produtos derivados do porco, como o chourizo extra, considerado o buque insignia da empresa. A empresa tamén se destaca pola súa dedicación á investigación e desenvolvemento de novos produtos.