O secretario xeral do PSdeG defendeu na xornada de “Diálogos con Raíz” en Ourense un modelo de coidados proactivo “que sitúe ás persoas no centro”
Besteiro lembrou ás familias das persoas con discapacidade que levan 16 anos protestando dende a Plataforma proCAPD para conseguir que o centro de Barrocás sexa 100% público
“Non estamos aquí para xestionar o mínimo, senón para garantir que a política social e a sanidade pública sexan sinónimo de dignidade, igualdade e futuro”, afirmou hoxe José Ramón Gómez Besteiro na clausura da xornada “Diálogos con Raíz: Benestar”, reiterando o compromiso das e dos socialistas galegos coa defensa dun sistema de coidados que non deixe a ninguén atrás. “Non hai sociedade moderna sen benestar nin sen coidados; o futuro constrúese coidando ás persoas e protexendo os servizos públicos”, reiterou o secretario xeral durante a súa intervención no encontro, organizado polo PSdeG en Ourense.
O líder socialista subliñou que a sanidade pública e a política social son dous piares irrenunciables que precisan compromiso político e investimentos reais, non discursos baleiros: “Non se trata de repartir axudas e publicitar a beneficencia, senón de construír un modelo de coidados proactivo que sitúe ás persoas no centro, sen cosificar a ninguén”.
Besteiro incidiu na crise da sanidade pública en Galicia debido á falta de investimentos e ao abandono da atención primaria: “As listas de espera, que antes non existían neste nivel, son hoxe un drama para moitas familias”. Sinalou que a solución pasa por ampliar o número de profesionais e reforzar as categorías sanitarias implicadas: “Debemos apostar pola incorporación de máis fisioterapeutas, nutricionistas, podólogos e por un maior protagonismo da enfermería, recoñecendo todas as súas competencias”.
En canto á saúde mental, Besteiro advertiu que “non se pode seguir relegando a un segundo plano; temos que normalizar o acceso á saúde mental como parte esencial do benestar”. Nesta liña, defendeu unha maior conexión entre a atención primaria e a saúde mental para garantir que ningunha persoa quede sen axuda.
Sobre política social, o secretario xeral denunciou o modelo de residencias privatizado da Xunta de Galicia: “Non podemos permitir que o coidado dos nosos maiores sexa tratado como unha liña de negocio. Necesitamos centros de coidados dignos, con recursos suficientes e control público rigoroso”. Tamén subliñou a necesidade de apoiar aos concellos, aos que definiu como “a primeira porta á que acode a cidadanía cando precisa axuda”: “Non pode ser que os servizos sociais municipais sufran precariedade porque a Xunta recorta e detrae fondos doutras partidas”.
O apoio á investigación e á innovación na sanidade pública foi outro dos puntos claves da súa intervención: “Non hai futuro sen investigación. Cada euro investido en ciencia e tecnoloxía sanitaria é un euro investido en vidas máis longas e máis saudables”.
Expertos de referencia en “Diálogos con Raíz”
Antes da intervención de Besteiro, a xornada contou cun espazo de análise e debate que reuniu algúns dos maiores expertos en sanidade e política social do Estado. Na mesa sobre sanidade, moderada por José Miñones, participaron Javier Padilla, secretario de Estado de Sanidade; Susana Aldecoa, vicepresidenta da SEMFyC, e Antonio Pose, catedrático de Medicina e ex-xefe de Medicina Interna do CHUS.
Durante esta mesa abordáronse temas como a necesidade de avanzar na medicina personalizada, a introdución de novas especialidades médicas impulsadas polo Ministerio de Sanidade e o impacto positivo da tecnoloxía sanitaria para mellorar a eficiencia clínica. Os expertos coincidiron na urxencia de investir máis en investigación sanitaria e en reducir as desigualdades no acceso á atención especializada.
Na mesa de política social, moderada pola deputada Margarita Martín, participaron Marta del Arco Fernández, conselleira de Dereitos Sociais do Goberno de Asturias, Anxo Queiruga, presidente de COCEMFE, Silvia Longueira, portavoz de política social do PSdeG, e Uxía Oviedo, alcaldesa de Maceda. O debate centrouse na importancia dun novo modelo de coidados que garanta atención integral a todas as persoas, especialmente ás máis vulnerables.
A xornada “Diálogos con Raíz” pechouse cunha mensaxe clara: os desafíos en benestar e sanidade esixen máis responsabilidade institucional e unha verdadeira vontade de avanzar cara a unha Galicia moderna e xusta para todos e todas.
Besteiro lembrou, ademais, ás familias das persoas con discapacidade que levan 16 anos protestando dende a Plataforma proCAPD para conseguir que o centro de Barrocás sexa 100% público. O secretario xeral dos socialistas galegos estivo en diferentes ocasións con este colectivo e mesmo esta semana apoiou presencialmente a concentración diante da Xunta de Galicia, que se nega a poñer fin a unha clara desigualdade que viven estas persoas con respecto ao resto de Galicia.