O candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta e membro da comisión negociadora da investidura destaca a influencia e o peso dos sete deputados galegos no acordo asinado co BNG
Recoñece que, “aínda que a investidura de Pedro Sánchez non precisa deste pacto, Galicia si, e os socialistas galegos defendemos a nosa terra por riba de todo”
O deputado lugués participou na sinatura do acordo cos nacionalistas xunto á Ministra de Facenda, María Jesús Montero, este mediodía no Congreso dos Deputados
“Os investimentos que asinamos hoxe en Madrid son os primeiros dos moitos que no Partido Socialista estamos a conseguir para Galicia”. O deputado lucense e candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, non podía ocultar este mediodía a súa satisfacción polo acordo asinado co BNG no que, confesou, tivo moito peso a influencia dos sete deputados galegos “e o apoio do presidente do Goberno de España que máis mirou por Galicia, Pedro Sánchez”.
De feito, Besteiro explicou que “a investidura non precisa deste pacto, pero Galicia si. E iso é o que facemos os socialistas galegos: defender a nosa terra por riba de todo”. Neste senso, o deputado remarcou que “cando gobernamos os socialistas, a Galicia vaille ben”.
Besteiro cualificou o texto asinado de “gran noticia” e comprometeuse a “traballar duro para dar a miña terra moitas máis porque teño claro que hoxe ábrese un tempo novo en Galicia e é imparable”.
Entre as medidas acordadas entre socialistas e o BNG, destacou o desconto nas peaxes da AP-9: “Poderemos ir desde Ferrol ata A Coruña, Santiago, Vigo, Tui ou Portugal cun 75% de desconto nas peaxes. Fomos os únicos -lembrou- que as tiñamos rebaixado e agora aínda máis”. Tamén referiuse ás rebaixas na autoestrada AP53 entre Santiago e Ourense, cos mesmos descontos que na AP-9.
No que respecta ao transporte ferroviario, Besteiro sinalou a realización dun estudio para a implantación das liñas de cercanías en Galicia, ao tempo que avanzou o mantemento da redución de prezos no abono do transporte.
Por último, entre as numerosas medidas aprobadas para mellorar a vida das e dos galegos interconectando a costa e o interior, a Galicia rural e a urbana, José Ramón Gómez Besteiro fixo especial fincapé nos maiores, asegurando pensións dignas: “A última suba tamén foi grazas a nós, o único partido galego que votou a favor”.
O deputado por Lugo e candidato á presidencia da Xunta rematou unindo a inminente investidura no Goberno central coas eleccións galegas do próximo ano insistindo en que “empezan novos tempos”.