O PSdeG lembra que, ata o momento, o Executivo galego non ofreceu explicacións satisfactorias sobre por que o hospital terminou sendo máis pequeno e custando 470 millóns de euros máis do previsto.
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, interpelará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “sobre o escandaloso sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo”, na primeira sesión de control do novo curso parlamentario, que terá lugar en setembro. Esta situación, denunciada desde hai anos polo PSdeG e ratificada agora por un informe do Consello de Contas, require de “respostas claras e coherentes por parte do goberno autonómico”.
O PSdeG lembra que, ata o momento, o Executivo galego non ofreceu explicacións satisfactorias sobre por que o hospital terminou sendo máis pequeno e custando 470 millóns de euros máis do previsto. “As únicas respostas que recibimos ata o de agora limitáronse a culpar á crise financeira, unha xustificación que resulta inaceptable para unha xestión pública que debía priorizar a transparencia e o control do gasto”.
O Grupo Socialista entende que en situacións de crise económica pódense tomar decisións complexas, pero o que resulta incomprensible é que se construíu un hospital máis pequeno do inicialmente proxectado e, aínda así, incorreuse nun sobrecusto de tal magnitude. “É urxente que Rueda e o seu equipo dean a cara ante as galegas e os galegos e expliquen con detalle como se produciu esta desviación e quen son os responsables”.
A intervención do líder dos socialistas galegos na próxima sesión de control do Parlamento buscará precisamente lanzar luz sobre estes interrogantes “e esixir responsabilidades por unha xestión que consideramos absolutamente deficiente”. Os socialistas sinalan que “non permitiremos que esta cuestión quede sen resolver e que as respostas se sigan demorando baixo pretextos pouco convincentes”.
Ademais, os socialistas reiteran o compromiso coa defensa da sanidade pública galega, “seguiremos apoiando activamente as protestas que denuncian a falta de especialistas nos centros de saúde e o peche dalgúns deles durante o verán. A saúde dos galegos non pode verse comprometida pola inacción e a falta de planificación do Goberno da Xunta”.