O líder dos socialistas galegos esíxelle ao presidente da Xunta que inclúa nos Orzamentos de 2025 as bonificacións das peaxes e que remate a autoestrada A Coruña-Carballo ata Fisterra
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que avance na gratuidade das autoestradas da súa competencia, que unen A Coruña-Carballo e Puxeiros-Val Miñor, para “non ter galegos de primeira e de segunda”. O líder dos socialistas galegos fixo estas declaracións nunha visita á autoestrada AG-55 A Coruña-Carballo, onde lle esixiu a Rueda “coherencia” coa petición de bonificación nas autoestradas estatais.
“Se pedimos a gratuidade da AP-9 e da AP-53 —de titularidade estatal— tamén pedimos que a Xunta faga gratuítas as autoestradas galegas, ou do contrario “estariamos dicindo que hai uns veciños de primeira —que teñen as autoestradas bonificadas— e outros de segunda e de terceira”, que teñen que pagar as peaxes sen axudas. Reclamoulle ao presidente da Xunta que deixe de confrontar co Goberno central e atenda a esta petición “xusta e coherente”.
Advertiu que o Goberno galego terá a oportunidade de “demostrar se está pola gratuidade das autoestradas” nos Orzamentos da Xunta que serán presentados esta semana e que afectan a 22.000 usuarios diarios en ámbalas dúas autoestradas. Engadiu que os socialistas galegos reclamaranlle á Xunta que remate a autoestrada A Coruña-Carballo levando a vía ata Fisterra para “vertebrar unha comarca esquecida” polo Goberno galego.
Aludiu así a unha bonificación da autoestrada entre A Coruña e Carballo que, equiparada á que o Goberno central aplica na AP-9, suporía que unha persoa que agora paga 72 euros ao mes tan só tería que pagar 33 euros, e no caso da autoestrada Puxeiros-Val Miñor, pasaría de pagar 60 a só 27 euros cada mes.
Reclamoulle ao Goberno galego que siga o camiño marcado polo Goberno central, que mañá mesmo aprobará fondos adicionais para incrementar os descontos na AP-9, “mentres o Goberno de Rueda segue sen facer absolutamente nada nas autoestradas que son da súa competencia”.
Sinalou que mentres un usuario da AP-9 ten a viaxe de volta gratuíta, co que só paga a metade —e aínda menos se é usuario habitual—, os que circulan entre A Coruña e Carballo ou entre Vigo e Baiona teñen que pagar íntegra a viaxe de ida e só teñen un desconto do 25 por cento na de volta.