O secretario xeral dos socialistas galegos e voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia anunciou unha batería de iniciativas na Cámara en relación aos preto de 500 millóns de euros de sobrecusto do hospital, a redución do número de camas e o motivo do cambio de modelo, mentres Caballero lembrou a manifestación de decenas de miles de cidadáns que xa en 2015 protestaron polas rúas “por algo que xa sabiamos todos, que este era un experimento errado do PP”
O Secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, expresaron hoxe a súa preocupación polas conclusións do informe de fiscalización por parte do Consello de Contas do contrato de colaboración público-privada do Hospital Álvaro Cunqueiro, “que revela unha serie de irregularidades e deficiencias de enorme gravidade”.
“Este informe demostra que a fórmula de colaboración público-privada elixida polo Goberno de Feijóo foi un erro colosal, que supuxo un endebedamento ata o ano 2035 e un sobrecusto de case 500 millóns de euros,” afirmou Gómez Besteiro. “Non só se obviou un estudo previo de viabilidade, senón que a elección do modelo fíxose sen unha análise comparativa con outras opcións máis eficientes.”
O traballo de Contas destaca varias modificacións non xustificadas na superficie útil do hospital e nos prazos concesionales, así como unha planificación insuficiente que contravén os principios de igualdade, transparencia e concorrencia que deben rexer a contratación pública.
“Estamos a falar dun proceso de licitación opaco, onde só participaron dúas empresas e unha foi excluída, deixando en práctica unha soa oferta valorada,” engadiu o secretario xeral do PSdeG. Tamén subliñou a ineficiencia económica da fórmula elixida, destacando o sobrecusto, estimado en 470 millóns de euros.
Besteiro lembrou que “os socialistas denunciamos estes feitos en varias ocasións no Parlamento de Galicia e tivemos que aguantar que o PP nos acusase de mentir. O tempo e o Consello de Contas déronnos a razón. Isto é un escándalo”.
Ademais, sinalou que o redeseño do Álvaro Cunqueiro, que Pérez Touriño ideou como un referente de centro hospitalario público, “responde ao modelo privatizador do PP, que sempre prima os intereses duns poucos sobre os de toda a cidadanía. Outro exemplo claro desta política é a concesión da AP-9.”
“Os cidadáns galegos merecen unha xestión pública transparente, eficiente e responsable. Este informe é un chamado urxente a revisar e corrixir estes erros para asegurar que non se repitan no futuro e xa están tardando os responsables en sair a dar explicacións”, dixo Besteiro
Abel Caballero lembra a gran manifestación de Vigo
O alcalde de Vigo, pola súa banda, lembrou a gran manifestación que percorreu as rúas da cidade en 2015 con decenas de miles de cidadáns protestando polos desmáns que xa se advertían no hospital: “Dilapidaron 470 millóns de euros e non llos deron a Vigo, déronllos a un fondo voitre francés”.
Caballero, quen lembrou que o informe xa se elevou ao Tribunal de Contas de España, esixiu esta mañá diante do Cunqueiro que saian Feijóo e Rueda a dar explicacións “deste experimento errado que foi o Cunqueiro”.
O alcalde sinalou esta nova afronta do Partido Popular a Vigo e a todos os cidadáns que teñen no Cunqueiro o seu hospital de referencia e insistiu na gravidade do exposto polo informe do Consello de Contas, “que pon negro sobre branco o que nós advertimos desde a apertura do hospital”.