O secretario xeral do PSdeG destacou nunha visita á Unvi o peso do sector da automoción e a mobilidade na economía galega
Puxo o proxecto de autobús eléctrico que lidera a empresa ourensá como exemplo do emprego dos fondos de recuperación
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe en Ourense a apostar pola transición enerxética e a mobilidade sostible para aumentar o peso da industria na economía, “un obxectivo dos socialistas” ao que demandou que se sumen todas as administracións a través do “aproveitamento dos fondos europeos”.
Foi durante unha visita á planta ourensá de Unvi, que puxo como exemplo tanto de innovación en mobilidade sostible como “de utilización dos fondos europeos conseguidos polo Goberno socialista de Pedro Sánchez”. Besteiro visitou as instalacións na compaña da dirección da planta, do secretario xeral provincial, Rafael Rodríguez Villarino; a portavoz no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez; a deputada Margarita Martín Rodríguez e a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta.
O secretario xeral socialista destacou a importancia do sector da automoción e a mobilidade no PIB galego, xa que chegou ao 13 % no 2023. Chamou a atención tamén sobre a súa relevancia no comercio exterior, con máis do 30 % das exportacións. “Estamos nunha empresa que exporta para os cinco continentes case o 80 % da súa produción”, apuntou.
Unha mostra dese éxito é o desenvolvemento dun prototipo de minibús eléctrico que a firma ourensá liderou con financiamento do Plan de Recuperación. Nese proxecto participaron oito empresas españolas e tres centros tecnolóxicos e contou cun orzamento de 7,4 millóns de euros, dos que 4,1 se financiaron a través do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e, en concreto, a través do Programa Tecnolóxico de Automoción Sustentable (PTAS).