O secretario xeral do PSdeG valora os máis de 5.000 millóns que o Goberno destinou ao naval como garantía de competitividade e sustentabilidade para os estaleiros galegos
Asegura que a chegada de novas partidas de fondos europeos se traducirá nunha “aposta definitiva” pola innovación dentro do sector e a súa modernización
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reiterou hoxe na feira Navalia, en Vigo, o compromiso dos socialistas galegos coa reindustrialización de Galicia, “que vai tr aer máis empregos e de maior calidade”. Á súa chegada á Ifevi, valorou a “explosión do naval que estamos vivindo nos últimos anos” ao abeiro dos fondos que o Goberno central dirixiu ao sector, e que se sitúan por enriba dos 5.000 millóns de euros.
No marco dunha das feiras máis importantes do continente dentro do sector, Besteiro afirmou que ese ritmo de investimento continuará cunha “aposta definitiva” por parte do Goberno socialista de España, a partir dunha segunda oleada de fondos europeos “que teñen que vir dirixidos tamén á reindustrialización, á mellora tecnolóxica e a ese motor que é o sector naval”.
O secretario xeral, que estivo acompañado, entre outros cargos, pola viceportavoz socialista no Parlamento Galego Elena Espinosa, o candidato nas eleccións ao Parlamento Europeo Nicolás González Casares e o delegado de Zona Franca, David Regades, destacou que todo ese apoio se traduce nun impulso á innovación, na mellora da competitividade e en garantir un futuro sostible tanto para os estaleiros galegos como para as empresas auxiliares. Do total das partidas mobilizadas polo Estado, máis de 200 millóns dirixóronse aos estaleiros privados da comunidade, o que significou un importante pulo para que esas compañías puidesen incrementar a súa capacidade produtiva e crear emprego de calidade.
O groso dos fondos recibiunos a empresa pública Navantia, o que permitiu consolidar a Galicia no seu papel de referente mundial na construción de buques, ademais de facilitar a modernización das súas infraestruturas, a investigación, o desenvolvemento de novas tecnoloxías e a súa presenza no mercado internacional. José Ramón Gómez Besteiro mostrou a súa confianza en que todo ese esforzo seguirá aumentando o seu impacto positivo, ademais de na industria, no mercado laboral e na sociedade en xeral.
O secretario xeral do PSdeG felicitou á organización de Navalia, que “loitou tanto” pola consolidación dun encontro bianual que este ano acada a súa novena edición. Tamén por terse convertido nun gran escaparate do sector, con presencia de 75 países e máis de 500 expositores.
Durante o percorrido polo recinto no que se celebra a feira, Besteiro tivo oportunidade de asistir ao anuncio do premio á innovación que concede a Asociación de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de España, que recaeu no proxecto Green Foiling Spain, da Universidade Politécnica de Madrid.