O voceiro socialista sinalou que o informe do Consello de Contas “pon fin ás falsas acusacións do PP e confirma que as nosas denuncias non só eran fundadas, senón que estaban completamente xustificadas
Solicitou novamente a comparecencia de Alfonso Rueda para que ofreza explicacións e asuma as responsabilidades por esta xestión, e reiterou a necesidade de reverter a titularidade do Hospital Álvaro Cunqueiro a unha xestión completamente pública
O Grupo Parlamentario dos Socialistas Galegos, nunha intervención ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, reiterou a súa esixencia de explicacións claras e contundentes ao Goberno da Xunta de Galicia, encabezado por Alfonso Rueda, sobre o escandaloso sobrecusto de 470.469.422 euros asociado ao contrato de concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Este custo adicional, que segue recaendo sobre as galegas e os galegos, é o resultado directo de decisións políticas que “favoreceron a fondos especuladores en detrimento do interese público”.
Durante a súa intervención, o voceiro socialista, José Ramón Gómez Besteiro, destacou as alarmantes conclusións do recente informe do Consello de Contas que fiscalizou a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro. “O informe certifica o que os socialistas galegos vimos denunciando durante anos, a pesar de ser repetidamente desacreditados e tachados de mentireiros polo Partido Popular. Hoxe, o Consello de Contas dános a razón e demostra que o contrato de concesión, elixido polo PP, non só foi máis caro, senón que tampouco ofreceu ningunha vantaxe en termos de eficiencia ou calidade para a cidadanía”, sinalou o portavoz.
O informe revela que a alternativa de realizar a obra mediante licitacións separadas de obras e servizos sería considerablemente máis económica e eficiente, o que evitaría un sobrecusto de máis de 470 millóns de euros. Ademais, ponse de manifesto a falta dunha análise comparativa previa que xustificase a elección dun modelo de concesión, evidenciando unha grave carencia de responsabilidade e unha planificación deficiente por parte do Goberno galego.
A intervención de Besteiro tamén abordou a ampliación do contrato a outros centros hospitalarios da área de Vigo, como o Hospital Meixoeiro e o Hospital Nicolás Peña, sen que levase a cabo ningunha actividade construtiva nestes centros e sen xustificación legal. Esta decisión “é unha clara mostra de como o Goberno do Partido Popular priorizou os intereses privados sobre as necesidades do sistema sanitario público galego”.
O portavoz socialista subliñou as devastadoras consecuencias deste modelo de xestión, sinalando que, en lugar de destinar recursos á contratación de persoal sanitario e á mellora de infraestruturas, optouse por un sistema que segue beneficiando a concesionarias e fondos privados. “Co diñeiro malgastado, poderiamos ter máis de vinte novos centros de saúde ou contratar 600 enfermeiras ou 450 médicos, mellorando así a atención á cidadanía”, afirmou.
Gómez Besteiro lembrou que ao longo dos anos, os socialistas foron obxecto de ataques e descualificacións por parte do Partido Popular, que os acusaba de mentir e alarmar inxustificadamente. Con todo, como sinalou o portavoz, “hoxe queda claro que quen mentía eran outros. O informe do Consello de Contas pon fin ás falsas acusacións do PP e confirma que as nosas denuncias non só eran fundadas, senón que estaban completamente xustificadas”.
Neste contexto, solicitou novamente a comparecencia do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que ofreza explicacións detalladas e asuma as responsabilidades por esta xestión. Así mesmo, reiterou a necesidade de reverter a titularidade do Hospital Álvaro Cunqueiro a unha xestión completamente pública, argumentando que é a única forma de deter a hemorraxia económica que supón seguir pagando un canon desproporcionado durante o próximos dez anos.
O portavoz concluíu a súa intervención alertando sobre o deterioro do sistema sanitario galego baixo a xestión do Partido Popular, afirmando que “a estratexia de privatización de Feijóo/Rueda tivo consecuencias devastadoras para a sanidade pública en Galicia, e é hora de que o Goberno asuma a súa responsabilidade e rectifique antes de que sexa demasiado tarde.”