Presentou no Campus Sur da USC xunto ao secretario xeral de Xuventudes Socialistas a súa proposta de banco público de alugueiro, que podería mobilizar no primeiro ano 5.000 vivendas cun orzamento de só 20 millóns de euros
O secretario xeral do PSdeG criticou o “cinismo” e a falta de iniciativas do Goberno de Rueda, mentres os socialistas ofrecen solucións para dar unha resposta áxil á crise habitacional que existe en Galicia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cargou hoxe contra a inacción do PP en materia de vivenda mentres o rexistro público de demandantes se sitúa xa por enriba dos 18.300 inscritos. Durante unha acción informativa coas Xuventudes Socialistas de Galicia no Campus Sur compostelán, criticou que ata o terceiro trimestre do ano o Goberno de Rueda só fora quen de executar a décima parte do seu orzamento para vivenda.
“Non se pode dicir unha cousa e facer a contraria”, reprochoulle ao presidente da Xunta polo que cualificou de “cinismo”, xa que os populares, “durante os últimos 15 anos, practicamente non construíron vivenda pública”. Ao seu xuízo, “iso indica que o Partido Popular ten compromiso cero” coa solución ao problema.
Besteiro defendeu a necesidade de impulsar novas promocións de carácter público. Mais reiterou a proposta dos socialistas de artellar, en tanto, un banco público de alugueiro que dea resposta en primeira instancia á emerxencia habitacional. Nun momento que os prezos están “disparados” e “absolutamente desvinculados das posibilidades adquisitivas que teñen, sobre todo, os mozos e as mozas”, ese proxecto permitiría sacar ao mercado arredor de 5.000 vivendas “nunha primeira tanda en toda Galicia”. Para elo só se necesitarían, asegurou, 20 millóns de euros.
Trátase dunha proposta do Partido Socialista ideada para que xa se incluíse nos Presupostos do 2025, pero, “polo que se ve, non vai ser atendida polo Partido Popular”. A fórmula permitiría, ademais, “preservar os dereitos das persoas que queren alugar a súa vivenda, pero que tamén están preocupadas de se lles pagarán a renda e en que condicións estará a vivenda unha vez remate o período de alugueiro”. “Todas esas cousas se poden garantir cando a Administración fai de verdadeira intermediadora”, afirmou.
O líder socialista sinalou que a acción pública non só se ten que dirixir a fomentar a construción, “senón tamén a intervir no mercado de alugueiro, para garantir prezos moderados e a accesibilidade a un dereito”. Pola contra, a Xunta non non está actuando nin un nin noutro senso. “Cando rematou o terceiro trimestre, só tiña empregado o 10 % da partida” destinada a políticas de acceso á vivenda, o que “indica moi ás claras cal é o compromiso real do PP”, insistiu.
Altri
A preguntas dos xornalistas, José Ramón Gómez Besteiro reiterou o seu convencemento de que “será difícil” que o proxecto de Altri en Palas de Rei obteña fondos procedentes do PERTE de descarbonización. Pero, máis alá desa circunstancia, chamou a atención de novo sobre a “achega extraordinaria” que a planta necesitaría para completar o seu financiamento. “A empresa pedía 250 millóns a fondo perdido, e, evidentemente, unha parte non pode ser a través dos PERTE”, explicou. Por ese motivo manifestou a súa “convicción” de que a achega extraordinaria non se vai producir.
Nese senso, volveulle preguntar a Rueda se ten intención contribuír con fondos da Xunta a unha empresa que se está a ver “que non cumpre os criterios de sustentabilidade económica cando pide 250 millóns a fondo perdido para un investimento de 1.000”. Iso á marxe, engadiu, de consideracións de sustentabilidade social ou ambiental. “Se tan claro o ten o PP, debe dicir abertamente que está disposto a que ese proxecto saia adiante”, advertiu.
250.000 mozos e mozas que non se poden emancipar
Besteiro compareceu acompañado polo secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, que avanzou os detalles da campaña informativa que a organización xuvenil vai desenvolver en diferentes puntos da xeografía galega ao longo das vindeiras semanas. Dixo que se trata dunha acción “focalizada na xente máis nova”, xa que se trata dun sector da poboación especialmente afectado polo problema da vivenda, debido ás súas reducidas posibilidades económicas.
“Estamos a falar de que en Galicia hai 250.000 mozos e mozas que non se poden emancipar porque alugar implica máis do 60 % do seu salario”, asegurou. Cando o PP “presumía” de que o salario medio se incrementaba, “o que tiña que dicir era que un de cada tres galegos cobra por debaixo do salario mínimo interprofesional”. “Por enriba —lamentou— o PP bloquea as políticas de vivenda”.
Porén, a través do banco público de alugueiro que propón o PSdeG “desbloquearíanse rapidamente 5.000 vivendas” nun contexto no que unicamente nas cidades hai 50.000 desocupadas. “Iso permitiría, por exemplo, que a xente nova non tivese que facer colas enormes cando chega o mes de xuño para buscar un piso onde vivir durante o curso”, prognosticou.