O secretario xeral do PSdeG asistiu á concentración en defensa da sanidade pública ante o centro de saúde sonense xunto ao deputado autonómico Julio Abalde e cargos socialistas da comarca de Noia
“A sanidade pública é un ben a preservar e protexer, non é un fondo que esquilmar”, asegurou o líder socialista, que insistiu nun plan de choque para contratar persoal, deixar de pechar ambulatorios e investir na mellora das instalacións sanitarias
Logo de comezar a mañá ante o Álvaro Cunqueiro, en Vigo, onde denunciou, entre outras irregularidades e deficiencias, o sobrecuste de 470 millóns do hospital, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse ata Porto do Son, municipio no que a atención primaria, e en especial o servizo de pediatría, se atopa nunha situación crítica, ao igual que acontece no resto das dependencias sanitarias de toda a comarca de Noia.
“Todas aquelas denuncias que fixo o Partido Socialista concretáronse na triste realidade de que houbo un desfase de case 500 millóns”, recordou para contrapoñer ese despilfarro coa situación dunha atención primaria “que para Rueda e o Partido Popular parece ser secundaria ou terciaria” debido á continua falta de recursos, tanto materiais coma humanos, que padece.
Para Besteiro, que estivo acompañado polo deputado Julio Abalde e portavoces e outros cargos socialistas dos catro concellos da comarca, ese contraste “demostra quen aposta pola sanidade pública e quen se centra máis na atención da sanidade privada”. Para os socialistas, asegurou, a primeira “é un ben a preservar e protexer, non é un fondo que esquilmar”. Pero “iso é o que está facendo, desgraciadamente, o Partido Popular”, lamentou.
O líder socialista debuxou o panorama no que se atopa a comarca en canto a recursos sanitarios. En Lousame non hai pediatra, que compartía con Porto do Son, nin matrona, e non se están a cubrir as xubilacións de médicos de familia. Noia dispón neste momento do único pediatra dos catro municipios da comarca (tras a baixa dun segundo), e os tempos de espera son inasumibles. Tampouco o PAC dispón de pediatra.
Porto do Son quedou sen facultativo para a atención infantil o pasado 1 de xullo, non hai matrona e tampouco se están a cubrir as baixas por xubilación. Ademais, os usuarios do centro de saúde e o persoal padecen as pésimas condicións nas que se atopan as instalacións, á espera da construción dunhas novas que non chegan.
Tampouco en Outes hai pediatra dende principios de mes. Dun cadro de cinco médicos, un xubilouse e outros tres están a piques, polo que a curto prazo o centro de saúde só vai dispoñer dun facultativo e dous mires no final do seu período de formación.
Eses déficits “son comúns a toda Galicia”, asegurou Besteiro, pero durante o verán a situación aínda se complica máis coa chegada de visitantes. “En comarcas como na que nos atopamos pódese duplicar a poboación, co que, se os problemas afectan a 32.000 persoas, en vacacións fácilmente máis de 70.000 contan cun só pediatra, neste caso, o que hai en Noia”, puxo como exemplo dun caos que é “xeneralizado, que se radicaliza no verán” e que implica “tratar a uns galegos como de primeira e a outros como de segunda”.
A aposta dos socialistas, pola contra, “é un plan de choque para a atención primaria, para contratar máis médicos, deixar de pechar centros de saúde e abordar obras e investimentos importantes que se teñen que facer”, e non poñer “parches” coma a contratación para a atención primaria de mires que aínda están a completar a súa formación. Para Besteiro, isto último é un episodio máis da “mala planificación durante os últimos 15 anos”.
“Eu creo que é ben fácil saber cando un médico ou unha médica poden entrar en idade de xubilación. E por desgraza, os médicos tamén piden vacacións”, ironizou para insistir en que existe “unha falta de investimentos na sanidade pública, especialmente na atención primaria, pero tamén hai unha desastrosa planificación”.