O candidato á Presidencia da Xunta de Galicia avoga en Lugo por adaptar a norma básica do país para “avanzar no autogoberno que, como nacionalidade histórica, nos corresponde”.
O deputado socialista no Congreso e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, cre necesario “unha reforma do noso Estatuto de Autonomía para avanzar no autogoberno do país e proxectalo de cara ao futuro”.
No acto celebrado en Lugo co gallo do Día da Constitución española de 1978, Besteiro reivindica a actualización da norma básica do noso país para adaptarse aos novos tempos “implicando á cidadanía galega na solución dos problemas reais que temos como sociedade”.
Besteiro recorda que Galicia é a unha das nacionalidades históricas que segue mantendo un Estatuto de Autonomía sen reformar dende 1981, polo que considera necesario abordar este cambio na próxima lexislatura galega. Para o candidato do PSdeG-PSOE esta revisión é necesaria “para construír unha Galicia mellor nunha España de futuro”.
Loubou a “esencia dunha Constitución capaz de reflectir á pluralidade política do país e o seu cambio social”. Fronte aos discursos e actos violentos ou a permanente chamada da “España se rompe”, o candidato socialista apelou á Constitución que “permitiu conformar un goberno nacido cunha maioría parlamentaria plural con plena normalidade e total lexitimidade”.
Besteiro destacou tamén os dous grandes desafíos que, na súa opinión, terá esta XV lexislatura presidida por Pedro Sánchez: a mellora da xustiza social e equidade de xénero e o avance do modelo territorial constitucional que “facilite a convivencia entre as distintas persoas e pobos que conformamos España. Unidade desde a diversidade”.