O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista anuncia a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias para que o Parlamento de Galicia apoie a condonación dos 4.000 millóns de euros de débeda
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, cargou hoxe contra a negativa de Alfonso Rueda a permitir que o Goberno de España condone a débeda a Galicia. “Curso básico de economía: se che condonan a débeda e che perdoan un 33% do que debes, quen en pleno uso da razón diría que non?”, afirmou Besteiro, subliñando que nove de cada dez galegos e galegas “din que si” a este alivio financeiro. “O único galego que di NON é Rueda”.
O dirixente socialista recordou que eses 4.000 millóns de euros “poderían liberarse para facer moitísimas cousas boas en Galicia” e puxo varios exemplos ao respecto:
Investir 200 veces máis en investigación sanitaria.
Liberar peaxes.
Atender a demanda de vivenda das máis de 19.000 persoas inscritas nos rexistros de solicitantes.
Pagar os salarios de todo o corpo de docentes e profesionais sanitarios durante varios anos.
Construír ata 40.000 vivendas públicas.
“A débeda que xestionou e xerou o Partido Popular durante os últimos 15 anos podería verse reducida en 4.000 millóns grazas a esta condonación”, apuntou Besteiro, quen salientou que “o lóxico e o que lle convén a Galicia” é apoiar sen dubidalo esta medida. Así mesmo, lembrou que “as comunidades autónomas co sistema de concerto non reciben nin un só euro” neste proceso, polo que “este alivio financeiro beneficiaría directamente a Galicia”.
Besteiro advertiu de que o Partido Popular, “que durante os últimos 15 anos foi quen incrementou a débeda ata estes niveis, agora négase en rotundo a que sexa condonada”. En contraposición, o PSdeG aposta “por condonar esa débeda”, rompendo así –en palabras do portavoz socialista– “as inercías que tiñan outros partidos” ao se conformar cunha simple compensación asociada ao FLA.
Para reforzar este posicionamento, Besteiro anunciou que o Grupo Parlamentario Socialista “vén de rexistrar unha batería de iniciativas para que o Parlamento de Galicia tome partido e diga claramente se apoia a condonación dos 4.000 millóns de euros de débeda”. Ademais, o líder socialista asegurou que ao final deste ano se votará unha Lei Orgánica no Congreso dos Deputados, na que “sete votos de deputados e deputadas galegas do PSdeG-PSOE” avalarán a proposta.
“Queremos que quede claro quen está a favor de que Galicia reciba este importante alivio financeiro e quen prefire seguir cargando coa débeda”, concluíu José Ramón Gómez Besteiro, advertindo que “equivócanse por completo” aqueles que se opoñen a esta condonación e que non defenden os intereses do conxunto da cidadanía galega por contentar ao seu partido.