O secretario xeral do PSdeG visitou co ministro de Exteriores, José Manuel Albares, e o candidato socialista ao Europarlamento Nicolás González Casares a primeira obra de humanización de estradas en España financiada con fondos Next Generation
Albares apunta ás eleccións europeas como o momento crucial para “frear o risco da ultradereita” que “defende a violencia verbal e que é o preámbulo da violencia física”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta tarde en Ferrol co ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, e o candidato socialista ao Parlamento Europeo Nicolás González Casares as obras de transformación da avenida das Pías. Tal como lembrou, trátase do primeiro proxecto de humanización de estradas estatais acometido no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con cargo aos fondos Next Generation, “que o Goberno socialista de España pelexou en Europa coa oposición do Partido Popular”.
Besteiro destacou que os traballos na FE-14 tradúcense na “maior transformación urbana de Ferrol en décadas, unha obra que se executa grazas aos fondos europeos e ás políticas socialistas”, e explicou que o que antes “era practicamente unha autopista que partía Ferrol en dous, estase transformando nun bulevar que unirá barrios e persoas. Onde antes había un muro, agora vai haber un gran espazo de relación e convivencia”.
José Ramón Gómez Besteiro repasou a evolución dun proxecto que “naceu cun goberno socialista en Ferrol, o de Vicente Irisarri, e un Goberno socialista en España, o de José Luis Rodríguez Zapatero”, mentres que durante a etapa do PP na cidade e en Madrid, “desapareceu” porque o Executivo de Rajoy non o considerou prioritario. “Pero cando volveron coincidir un goberno socialista en Ferrol, o de Ángel Mato, e un Goberno socialista en España, o de Pedro Sánchez, o proxecto transformouse nunha realidade”, concluíu.
“Como vemos, hai dous modelos de entender a política, de entender o futuro das nosas cidades e de entender Europa, e sobre eses dous modelos é sobre o que se decide o vindeiro 9 de xuño”, afirmou o secretario xeral dos socialistas de Galicia. “Decídese entre retroceder co PP ou avanzar co Partido Socialista”, reiterou.
Albares
O ministro de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, José Manuel Albares, salientou o momento crucial das eleccións europeas para frear o risco da extrema dereita que “defende a violencia verbal, que sempre é o preámbulo da violencia física, como xa estamos a ver”. Emprazou a votar ao PSOE para ter “mais eurodeputados como Nico, que traballa por Galicia nesa Europa solidaria na que tanto cremos os socialistas”.
Albares defendeu a solidariedade que representa o modelo socialista, como demostrou o goberno de Pedro Sánchez, liderando a xestión da crise da covid do paraugas social para “non deixar a ninguén no camiño”. Do outro lado, dixo, está o modelo de 2008 representado por un PP ao que non lle importa o “sufrimento social”, liderado por un Feijóo que “hoxe mesmo recoñeceu que o malo non son os votos de Junts, senón que o que non lle gusta é un presidente progresista en España”.
O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, insistiu que coa intervención de Feijóo “quedou demostrado que o único voto que serve para parar á dereita e á ultradereita é o voto socialista” fronte a un PP “empeñado en falar de cousas que non son Europa”.
Así o dixo durante a visita a Ferrol co ministro de Asuntos Exteriores, que ten demostrado “aplomo e categoría” loitando polo uso do galego en Bruxelas, e ao representar á “voz de España para dicirlle a Israel que é o momento de parar a masacre”, e quen liderou o recoñecemento do Estado Palestino. Subliñou que “máis Europa significa loitar pola paz en Palestina e en Ucraína”.