Defende a xestión do Executivo, que “beneficia á inmensa maioría dos cidadáns, saca adiante débedas históricas e por exemplo bonifica a AP-9”
O socialista José Ramón Gómez Besteiro replicou hoxe ás críticas de Rueda contra a xestión e os investimentos do Executivo que está a presentar o presidente do goberno na campaña electoral por empregar “os cartos de todos”. Na súa visita a Mos, contrastou a iniciativa do Executivo cun PP que “cos cartos de todos malvendeu as caixas galegas e privatizou a sanidade pública”.
O tamén delegado do goberno saudou os “benditos anuncios” do Executivo e remachou que “cos cartos de todos facemos estas cousas marabillosas que benefician á inmensa maioría dos cidadáns”. Comprometeuse a “seguir traballando” a favor da cidadanía para “desenvolver os proxectos e as débedas históricas e por exemplo bonificar as peaxes da AP-9”, mentres o PP prorrogaba a privatización ata 2048.
Gómez Besteiro reivindicou a xestión do Executivo fronte aos “ataques ao goberno”, e sinalou a mellora das pensións, os proxectos de infraestruturas ou a carga de traballo nos estaleiros galegos. Lamentou que “o que lle parece mal ao PP é que por onde andamos os socialistas esteamos defendendo as cousas boas que estamos a facer e as que queremos facer no futuro”.
Sinalou que o PP desprega “unha política e unha campaña de oposición”, e aí é onde o sitúan os galegos e as galegas”, e advertiu que por esa vía quedarán relegados á oposición “en moitos concellos”. Contrastou a campaña “optimista e con alegría” dos socialistas fronte a un PP que fai “campaña en negativo, con moi pouca ilusión e preocupándose de cousas que aos galegos e ás galegas nin lles van nin lles veñen”.
Mos
O representante socialista aproveitou a viaxe a Mos para visitar, xunto coa candidata socialista Victoria Alonso, a ponte sobre a A-55, onde anunciou que de forma “inminente” será presentado a información pública a obra do túnel Vigo – Mos – Porriño, que achega os trámites para licitar a actuación. A obra, de 4,2 quilómetros, afronta agora os últimos estudos xeolóxicos que despexan a súa execución.
Salientou a importancia fundamental desta intervención para evitar a sinistralidade da A-55 e “darlle un cambio á situación do tráfico” nesta vía, ademais de humanizar a superficie, tanto por riba do túnel como por debaixo de Puxeiros”.
Gómez Besteiro aplaudiu a noticia coñecida onte da posta en marcha do estudo informativo para a conexión do tren de Alta Velocidade entre Vigo e Oporto, que supón unha “noticia fantástica que pon en marcha a coordinación entre os gobernos de España e Portugal para facer realidade unha conexión que todos desexamos”.
A candidata socialista, Victoria Alonso, salientou que esta actuación é unha resposta a “moitos anos de demanda” para resolver a alta sinistralidade da estrada e que leva aparellada a humanización as zonas urbanas. Alonso defendeu o proxecto socialista que da “resposta das necesidades de Mos” a través dun equipo de “xente capacitada, válida e con experiencia”.