O portavoz do Grupo socialista sinala no Congreso que “hoxe pagamos as peaxes porque o PP quixo, e pagamos menos porque o goberno socialista impulsou unhas bonificacións que PP e BNG rexeitaron”
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou que o Congreso aprobe a toma en consideración da proposición de Lei de Transferencia da AP-9 enviada dende o Parlamento de Galicia e apuntou á gratuidade das peaxes como obxectivo prioritario. Besteiro foi o ponente do Grupo Socialista para defender esta proposta que contará co voto a favor do PSOE.
Advertiu que a infraestrutura “xa está pagada, xa debera ser nosa”, pero os galegos e galegas seguen a pagala porque o goberno de Aznar prorrogou a concesión ata o máximo permitido, o ano 2048. Sen embargo, reivindicou que “hoxe pagamos menos porque este goberno socialista impulsou as bonificacións” que PP e BNG rexeitaron para paliar unha “carga abusiva que limita a mobilidade dos galegos e as galegas”.
Lembrou que estas bonificacións, postas en marcha dende os orzamentos de 2021 malia o voto en contra de PP e BNG, supoñen máis de 100 millóns de euros de aforro para galegos e galegas no pago dunhas peaxes que “seguen a ser unha sangría para as economías familiares e para a competitividade empresarial” a favor dunha concesionaria que recada “máis de 130 millóns de euros ao ano”.
Explicou que os socialistas defenden a negociación da transferencia dende que o socialista Pérez Touriño foi presidente de Galicia “hai xa case 20 anos”, un debate que foi parado polo cambio de goberno, cando o PP impedía a súa tramitación no Congreso demostrando que “votaba cunha man e vetaba coa outra”.
Gómez Besteiro defendeu a posición socialista, que entende a vía como “clave na vertebración da vida social e económica de Galicia” e chamou a “esforzarnos o máximo por xestionala e, sobre todo, porque aos cidadáns non lles supoña custe”.
Reivindicou a posición “entre quen entende á AP9 como negocio, ampliando e prorrogando e facilitando o incremento das peaxes”, e quen “se apunta a calquera reivindicación” e que no seu día “se manifestou belixerante contra unha autopista que hoxe pouco menos que reclaman a súa maternidade”.
O portavoz do PSdeG defendeu a proposta que “camiña cara a resolver unha situación inxusta, porque é o que corresponde e porque Galicia así o demanda” a través dunha iniciativa acordada por unanimidade no Parlamento de Galicia, que lle deu “respaldo absoluto” a esta “reivindicación moi lexítima”.