O secretario xeral do PSdeG animou a votar o domingo “ao único partido que cre realmente en Europa”, o socialista, fronte a unha dereita que fomenta a división da man da ultradereita e a quen dende a esquerda non defende a construción europea
Santiago, 7 de xuño. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou hoxe en Lugo “a forma na que os socialistas conciben os fondos europeos”, como panca de impulso, entre outros ámbitos, á transición verde e á recuperación e humanización dos espazos urbanos. Foi durante unha visita á recentemente renovada praza de Ferrol, que puxo como exemplo desa concepción dunha cidade “máis peonil, sostible e habitable”.
A actuación é unha das tres que completan a peonalización do centro histórico dentro da estratexia Corazón Verde, que contou cun investimento de seis millóns de euros, o 90 % con cargo a fondos europeos. Entre os seus obxectivos figuran crear máis espazos para a cidadanía, apaciguar o tráfico nas rúas, renaturalizar o centro, rebaixar a contaminación atmosférica, reducir a contaminación acústica e conservar o patrimonio.
Para Besteiro, o centro lucense vaise converter nun paradigma en Galicia para a recuperación dos cascos históricos, co apoio dunha Europa “na que cre o Partido Socialista”. Do mesmo xeito que os fondos europeos contribúen a ese tipo de reurbanizacións, apoian a empresas e traballadores e, en momentos de crise, son decisivos, recordou.
Por iso, o domingo “ten que trunfar quen cre en Europa e non quen discute Europa”, afirmou en referencia a “aqueles que se unen á ultradereita e cren nunha Europa dividida, igual que os que dende a esquerda non cren na construción europea”.
Besteiro defendeu unha Europa “unida e non dividida, social e coherente”, ademais de forte e que medre de xeito sostible. “Axenda verde e corazón vermello”, dixo. “O socialista é o único partido que cre realmente en Europa, e por iso é merecedor de gañar”, insistiu.
Acompañaron ao líder socialista o secretario xeral provincial e presidente da Deputación, José Tomé, e a deputada lucense Lara Méndez. Tomé valorou o traballo do Goberno de Pedro Sánchez na provincia durante os últimos cinco anos, con investimentos superiores aos 1.000 millóns para volver poñer Lugo “no mapa das infraestruturas”. Un exemplo diso foi retomar o proxecto da estación intermodal da cidade, “que o PP tiña parado”.
Lara Méndez destacou a transformación de Lugo nunha cidade “verde, sostible e pensada para as persoas”. Nese cambio pódese ver, dixo, como Europa “inflúe no día a día da xente, desde nos seus dereitos e liberdades, que a dereita e a ultradereita poñen en entredito, ata estes proxectos que transforman as cidades”. “Esta é unha mostra de como aproveitamos os recursos que chegaron da man dos socialistas”, sinalou.