BESTEIRO ASEGURA QUE OS SOCIALISTAS XOGARÁN UN PAPEL CLAVE PARA O INCREMENTO DOS FONDOS EUROPEOS PARA AGRICULTURA E GANDERÍA A PARTIR DO 2027
Durante unha visita á Semana Verde, en Silleda, o secretario xeral do PSdeG mostrou a súa preocupación pola caída de máis dun 22 % no número de persoas ocupadas no sector durante os 15 anos do PP na Xunta
Criticou a falta de apoio tanto do BNG coma dos populares aos regulamentos que conforman a PAC reformada, que están a permitir a chegada de máis de 1.000 millóns de euros ao sector primario galego entre o 2023 e o 2027
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeu hoxe a influencia dos socialistas en Europa para lograr un incremento dos fondos da Política Agraria Común. Esta tarde visitou a Semana Verde, en Silleda, que destacou como referente do sector en todo o noroeste peninsular.
Alí explicou que España ten asignados máis de 47.000 millóns de euros entre o 2023 e o 2027 e que o obxectivo é superar esa cifra de cara ao novo período que se abrirá na vindeira lexislatura, tras as eleccións do 9 de xuño. “Porque non nos chega. Os socialistas queremos máis investimento”, afirmou.
Besteiro asegurou que será unha liña de traballo prioritaria e contrastou as posicións dos socialdemócratas coa actitude do grupo no que se integra o BNG, que non apoiou os tres regulamentos que conforman a PAC reformada e que permiten a chegada de máis de 1.000 millóns de euros aos agricultores e gandeiros galegos ata 2027, como tampouco o fixo o PP.
Valorou tamén a capacidade do Goberno, especialmente do ministro Planas, á hora de impulsar un paquete de medidas con iniciativas de tanta relevancia como a simplificación da tramitación das axudas da PAC.
O secretario xeral mostrou tamén a súa preocupación pola situación do sector agrogandeiro galego, en especial pola caída do número de ocupados durante os 15 anos de gobernos do PP na Xunta. Dende o 2009, detallou, descendeu máis dun 22 %, unha proporción aínda máis dramática no que se refire á ocupación feminina, que caeu un 36 %. O resultado é que se pasou de 97.000 agricultores e gandeiros en 2009 a menos de 75.000 no 2024.
Besteiro destacou a importancia de desplegar dende as institucións europeas iniciativas para contribuír a reverter esa crise, polo que reiterou o compromiso dos socialistas galegos á hora de defender en Bruxelas os intereses do sector agrogandeiro da comunidade, con Nicolás González Casares como representante. “Ese peso en Europa só o podemos ter quen cremos en Europa”, asegurou.