O líder dos socialistas galegos intervén nun mitin en Vigo xunto con Teresa Ribera, a candidata que representa á Europa “da axenda verde e o corazón vermello”
Teresa Ribera reivindica a fórmula socialdemócrata e solidaria que representa Pedro Sánchez fronte a un PP que “non ten nin programa nin principios”, que “é tan burdo que da vergoña”, e queda sen argumentos fronte a un país que vai “coma un foguete”
Vigo, 04 de xuño de 2024. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe que “só o PSOE ten forza para deter á dereita e á ultradereita” que, dixo, “se entra en Europa tamén entra en Galicia. Besteiro interveu nun mitin en Vigo xunto coa candidata socialista, Teresa Ribera, o candidato do PSdeG, Nicolás González Casares, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta dos socialistas galegos, Carmela Silva.
Advertiu que o próximo domingo terá lugar a “batalla pola a cara ou cruz pola resistencia que temos que gañar si ou si” fronte aos nacionalismos de ultradereita e de esquerda que “din que van ser a voz de Galicia nunha Europa na que non cren”. Criticou ao nacionalismo “divisivo” de esquerda que critica a actuación de Israel “pero non se acordan de criticar a Putin pola invasión de Ucraína”.
Besteiro censurou tamén a estratexia dun PP que “non quere entender” o éxito do modelo social e económico dos socialistas, e “por iso nos atacan, nos insultan e nos queren meter no fango: non é nada persoal, son negocios”, ironizou.
Emprazou a “votar por Teresa -Ribera- porque é o que máis nos interesa” para camiñar cara á Europa “da axenda verde e o corazón vermello”, que realmente cre nunha Europa da que hoxe dependen máis do 70 por cento dos asuntos que afectan aos galegos e galegas. Aludiu aos pertes do naval e do mar industria con fondos europeos, así como os 1.400 millóns de euros aprobados hoxe en axudas para a coxeneración nas conserveiras que beneficiará a 26.000 persoas.
O líder dos socialistas galegos advertiu que nesta convocatoria electoral “xogámonos avanzar ou retroceder” e dicirlle a Europea “se todo o que traballamos nestes 5 anos para conseguir os fondos europeos para apoiarnos entre nós é forma de contemplar o futuro ou non, se queremos unha Europa máis débil e debilitada, presa fácil de China e EEUU”.
O responsable socialista emprazou a votar para “dicirlle ao mundo do traballo, a valentía e a honradez de Pedro Sánchez e do goberno do PSOE e que fixeron unha labor chapeau durante os últimos 5 anos”.
Teresa Ribera
A candidata socialista ao Parlamento Europeo, Teresa Ribera, invocou á “remontada” nas eleccións do próximo domingo da man das mulleres e os mozos e mozas que nas pasadas eleccións xerais se puxeron ao carón dos “zurdos” para frear á dereita e á ultradereita.
Subliñou que “non é ideoloxía de xénero, é igualdade, son dereitos, defensa e confianza nas institucións” fronte aos “homes de negro co brazo en alto que falan de muros, recortes, polarización, insultos e da implosión de Europa dende dentro”. Alertou fronte á “ultradereita á alza, branqueada e normalizada por unha dereita que non sabe defender a democracia e o progreso le pretende diferenciar entre ultradereita boa e mala: non hai ultradereita boa”, apostillou.
Reivindicou a fórmula socialdemócrata e solidaria que representa Pedro Sánchez fronte a un PP que “non ten nin programa nin principios”, que “é tan burdo que da vergoña”, e queda sen argumentos fronte a un país que vai “coma un foguete”. A candidata socialista apelou aos datos históricos de emprego coñecidos hoxe, cando o PIB medra cinco veces máis que a zona euro, a débeda foi reducida a cifras de 2006 e o goberno ten garantida a hucha das pensións.
O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, defendeu a candidatura de Ribera avalada pola súa xestión na crise enerxética para poñer en pé a excepción ibérica que supuxo un aforro de 700 euros para cada familia e que demostrou que “o timo ibérico era Alberto Núñez Feijóo”.
Así o dixo antes de criticar a intervención “vergoñenta” do líder do PP en Canarias, e advertiu que “un galego non pode falar así da inmigración”, que demostra que “o único ‘sen papeis’ da política española é Feijóo, e non o queremos nin aquí nin en Europa”.
O alcalde, Abel Caballero, abriu o mitin reivindicando os proxectos que fixeron de Vigo “a mellor cidade do mundo” grazas aos fondos europeos xestionados polo goberno de Pedro Sánchez cun modelo que fronte ao austericidio de 2008, elixe que “as crises se afrontan con solidariedade e relanzamento da economía”.
Contrastou as partidas para a industria de Vigo, a aposta pola mobilidade e a transformación da cidade co goberno da Xunta presidido por un Rueda que coincidiu hoxe en Vigo “para falar que non lle dedican un céntimo a esta cidade”.
A continuación, a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, defendeu o proxecto “socialista, feminista e europeísta” que representa Teresa Ribera, e advertiu que o domingo “xogámonos que Europa siga avanzando tendo á xente no centro, que defenda a igualdade entre homes e mulleres, crecer respectando ao medio ambiente e os dereitos das persoas”.