O candidato socialista á Presidencia da Xunta acusa a Rueda de pór en perigo o fogar de maiores de Cambados que afastará aos residentes das súas familias
Considera inaceptable que “a deixadez do PP culmine no peche do único asilo da vila”
Rueda non afronta a falla de prazas públicas para a terceira idade: “En 14 anos só construíron unha residencia pública na provincia de Pontevedra”
Cambados, 17 de xaneiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Cambados que “cando sexa presidente do Goberno galego, non permitirei esta falla de respecto aos nosos maiores, que merecen dignidade e os coidados que precisen”, a diferencia do que está a facer Rueda. Besteiro garantiu que “haberá residencias públicas para as nosas persoas maiores porque representamos un modelo diferente do Partido Popular. Un modelo onde a xente permanece no seu concello, onde as residencias son verdadeiras residencias, con calidade e, sobre todo, públicas e a un prezo que todo o mundo poida pagar”.
O candidato do PSdeG á Xunta amosouse preocupado polo peche da única residencia para persoas da Terceira Idade que hai na vila pontevedresa ante a falla de resposta de Rueda e a Xunta do PP. Ademais, recordou que “a Xunta de Galicia leva anos sen afrontar un dos maiores problemas do noso país, como é o envellecemento da poboación e a necesidade de dotarse de residencias públicas para acoller aos maiores como merecen e en condicións de calidade”. Nos 14 anos de gobernos do PP, denunciou, “a Xunta só construíu unha residencia pública para persoas maiores na provincia de Pontevedra, a que está no Concello de Cerdedo-Cotobade.
Besteiro criticou “o negocio que si están a facer as residencias privadas ante a incapacidade do Goberno de Rueda, cuns prezos inaccesibles para a meirande parte da cidadanía galega. Isto, engadiu, supón que sexa a propia familia a que os atenda, “un traballo que, case sempre, corre a cago das mulleres que en moitas ocasións teñen ata que renunciar á súa profesión”.
“Unha vez máis a inacción de Rueda, pon en perigo , neste caso, a residencia de maiores de Cambados pola súa mala xestión que provocará o traslado de 70 maiores a outras localidades, afastándoos da súa familia e o seu pobo” afirmou o candidato do PSdeG.
A Residencia de Cambados é propiedade dunha congregación relixiosa que, ante a falla de investimentos e o incremento de custes de mantemento, puxo o edificio á venda por tres millóns de euros. Malia que llo ofreceu ao Concello, este non ten recursos para adquirilo e ademais a asistencia social é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, como explicou o alcalde de Cambados, Samuel Lago Ozón, que acompañou a Besteiro- Lago reclama á Xunta do PP que se faga cargo da residencia e manteña a prestación do servizo de forma pública ou concertada. “A Residencia de Cambados é un exemplo máis de como Rueda elude as súas competencias e responsabilidades e, neste caso, nun asunto tan sensible como é a atención aos maiores no contexto postpandemia. E tamén de como deixa sós aos concellos, unha vez máis, cando as competencias son súas e, polo tanto, as obrigas”.
Samuel Lago, incidiu que “de non arranxarse este problema as 60 ou 70 persoas que están nesta residencia serán espalladas por outros centros de Galicia, afastándoos das súas familias e do seu entorno, cando todas elas son da comarca”.
Ante a incerteza e indignación que o peche desta residencia está a causar na vila pontevedresa, o alcalde recordou que se mantén a convocatoria dunha concentración cidadá para o vindeiro sábado, 27 de xaneiro, ás 12.00 horas en Cambados.