Do resultado “de anuncios grandilocuentes temos experiencias probadas, no ámbito da enerxía, no industrial e en todo tipo de proxectos”, dixo o secretario xeral do PSdeG sobre a creación dunha comercializadora de enerxía sobre a que o presidente da Xunta aínda “debe dar explicacións dunha forma clara no Parlamento”
Recordou que o Partido Popular se posicionou en contra da excepción ibérica que promoveu o Goberno socialista, “unha medida eficaz que ata o de agora é o único sistema que serviu para baixar o prezo da enerxía eléctrica no noso país”
Alertou da fenda de xénero no emprego en Galicia, cunha baixa participación feminina e escasa presenza de mulleres en cargos directivos, e esixiu políticas de igualdade efectiva
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, posicionouse hoxe a favor dunha produción e comercialización de enerxía “que redunde en beneficio das comunidades locais”, un obxectivo para o que “non temos necesidade de entrar en fórmulas confusas entre os sectores público e privado”. Así se manifestou a preguntas dos medios antes de asistir á presentación do libro “En la brecha del sexo. Por un trabajo de igual valor”, do membro da Executiva do PSdeG Javier Carballo, e á que asistiu tamén a ministra de Inclusión e Seguridade Social, Elma Saiz.
Tras o anuncio de Rueda de que a Xunta impulsará unha comercializadora enerxética galega, Besteiro apostou por unha fórmula “100 % pública” que abarate a enerxía ao abeiro da eólica e de todas as renovables. O líder socialista insistiu no seu convencemento de que “é posible facelo desde o ámbito público”, pero apuntou que vai agardar para ver “como van desenvolvendo ese fío Rueda e o Partido Popular, porque de anuncios grandilocuentes penso que temos experiencias probadas no ámbito da enerxía, no industrial e en todo tipo de proxectos”. “Esperemos que dea explicacións dunha forma clara no Parlamento”, dixo sobre as dúbidas que xenera o proxecto, entre elas, que se pretenda vender electricidade por debaixo de prezo de mercado, xa que implicaría unha subvención que non encaixa coa normativa europea.
Tamén quixo lembrar que tanto o presidente galego coma o seu partido “estiveron en contra da excepción ibérica, que ata o de agora é o único sistema que serviu para baixar o prezo da enerxía eléctrica no noso país”. Esa medida impulsada polo Goberno socialista de Pedro Sánchez serviu para que as familias e as empresas puideran beneficiarse duns prezos reducidos nun momento no que os custes estaban disparados. “Rueda e todo o PP estaban en contra, pero foi unha medida moi eficaz”, remarcou.
De ahí que Besteiro se mostrase “escéptico” sobre o anuncio de onte, “sobre todo, vindo dun partido que ata o de agora non se interesou por mellorar a posición das renovables”, e sinalou como exemplo “o parón eólico que sufrimos durante anos” da man do PP.
“Imos ir vendo como toda esa trama de empresas e de sociedades público-privadas se incorporan a este proxecto e, por suposto, imos fixar unha postura absolutamente clara”, afirmou. “Vou ser prudente, pero tamén contundente”, comprometeuse o secretario xeral do PSdeG, que lamentou a falta de transparencia sobre “institucións público-privadas confusamente creadas”, como a sociedade Recursos de Galicia, que se puxo en marcha antes de tramitar a lei que lle afecta. “O camiño non parece o máis axeitado, pero imos discutilo onde se debe facer: no Parlamento de Galicia. E espero claridade”, subliñou.
Datos “moi preocupantes” sobre o emprego feminino
José Ramón Gómez Besteiro referiuse, por outra banda, á situación das galegas no mercado laboral, cuns datos “tremendamente preocupantes” que sinalan grandes diferenzas co resto de España: menos emprego e cunha temporalidade “brutal” que acada o 73 %. “E se nos referimos a postos directivos, as cifras son moi baixas”, engadiu.
“Temos que dirixir a acción do Goberno da Xunta a que eses datos muden” cara a tendencia que está seguindo o conxunto de España, dixo sobre un problema que para os socialistas é “vital” resolver.