O líder dos socialistas galegos considera “absolutamente preocupante” o presunto trato de favor para beneficiar a un familiar dende 24 departamentos distintos a Xunta
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que os socialistas galegos pedirán a comparecencia da secretaria xeral de Presidencia na Comisión de Investigación que se vai celebrar no Parlamento para estudar as presuntas irregularidades na contratación da Xunta. O responsable socialista fixo estas declaracións durante a visita aos traballadores e traballadoras da CRTVG concentrados en protesta pola externalización de programas e o control político do ente.
Esixiulle explicacións a Rueda e á súa número dous no goberno galego, Beatriz Cuíña, logo de coñecerse polos medios de comunicación que durante os últimos sete anos un total de 24 departamentos da Xunta asinaron 272 contratos menores, sen concurso público, coa empresa do seu irmán, que cualificou de “absolutamente preocupante”. Esixiu coñecer “toda a verdade” por unha “práctica xeneralizada do PP” no goberno para “beneficiar a familiares de cargos” na Xunta.
Gómez Besteiro anunciou que os socialistas incluirán a comparecencia desta responsable política no plan de traballo da Comisión de Investigación que está a iniciar os seus traballos na Cámara autonómica para fiscalizar a contratación do goberno galego. Este órgano terá mañá unha primeira xuntanza para aprobar as súas normas de funcionamento, á que os socialistas chegan “cun novo foco de alarma” polo abuso da contratación “a dedo” esta vez para beneficiar a un familiar directo.
Subliñou que “non se trata de calquera cargo”, xa que Cuíña é unha persoa que ostenta unha posición “da máxima confianza de Rueda”, e avisou que “en función de como evolucione este novo caso non descartamos pedir máis comparecencias”. En resposta a preguntas dos xornalistas, advertiu que logo de “coñecer a verdade” nesta Comisión de Investigación, o caso “pode derivar na vía xudicial”.
CRTVG
O líder dos socialistas galegos acompañou hoxe aos traballadores e traballadoras da CRTVG concentrados na sede do ente público en protesta pola externalización de programas, que supón, dixo, un novo ataque á independencia e á calidade dos medios públicos. Besteiro trasladoulles o apoio dos socialistas galegos ás reivindicacións do Comité Intercentros, e reivindicou a independencia e a transparencia da Radio Galega e da Televisión de Galicia.
O responsable socialista afeoulle ao presidente da Xunta que teña presentado un anteproxecto de Lei que blinda por lei a mordaza nos medios públicos galegos e supón unha “involución de máis de 30 anos” por canto “penaliza á liberdade de información”.
Aludiu ao procedemento lexislativo que os socialistas galegos teñen trasladado a Europa polo risco certo de que infrinxa as directrices comunitarias ao aumentar o control do goberno, mentres suprime a necesidade dunha maioría reforzada no Parlamento de Galicia para a elección da dirección xeral e do Consello de Administración, ademais de que “vai contra a nosa cultura” ao deixar “no aire” a defensa e promoción do galego xustamente cando o IGE vén de sinalar que hoxe se fala menos que o castelán.