“Desde o inicio, dende o PSdeG deixamos claro que esta iniciativa presentaba graves interrogantes na súa sostibilidade, non só no seu aspecto medioambiental, senón tamén no social e económico”, sinalou Gómez Besteiro
O secretario xeral criticou que esta resolución non despexe dúbidas fundamentais sobre este proxecto e insiste en que a Xunta segue sen ofrecer respostas claras sobre o impacto real da iniciativa
“A opacidade e a falta de explicacións son xa a marca da casa do Goberno de Rueda, e Altri é un exemplo máis desta forma de actuar”, criticou o líder socialista
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denuncia a falta de transparencia do Goberno galego respecto ao proxecto de Altri tras a resolución ambientalmente favorable publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Lamenta que esta resolución non despexe dúbidas fundamentais sobre este proxecto e insiste en que a Xunta segue sen ofrecer respostas claras sobre o impacto real da iniciativa.
Desde o inicio, o PSdeG deixou claro que esta iniciativa presentaba graves interrogantes: “A súa sostibilidade non só no aspecto ambiental, senón tamén no social e económico, están en entredito”. Porén, en todo este tempo, o Goberno galego eludiu as nosas preguntas e evitou responder con datos cribles”, sentenciou Besteiro.
O líder dos socialistas galegos denuncia que, malia os anuncios iniciais sobre a creación de emprego, as cifras manexadas polo propio Executivo autonómico foron reducíndose progresivamente, deixando en evidencia a falta de seriedade do proxecto. Aludiu a que, desde o inicio, o PSdeG deixou claro que esta iniciativa presentaba graves interrogantes na súa sostibilidade, non só no aspecto ambiental, senón tamén no social e económico. “Estamos a falar de 250 millóns de euros de diñeiro público. Non é unha cifra menor, é unha aposta que pode hipotecar recursos fundamentais para Galicia. Pode Galicia permitirse destinar unha cantidade tan elevada de diñeiro público a unha empresa que non garante un futuro solvente? Isto é unha irresponsabilidade absoluta”, aseverou.
Besteiro tamén se sorprende da rapidez coa que a Xunta de Galicia tramitou os informes ambientais necesarios para que o proxecto avanzase, unha celeridade inusual en comparación con outros proxectos industriais en Galicia. “Cando se trata de iniciativas que realmente benefician á cidadanía, a Xunta pon trabas e atrasa os procesos, pero para Altri todo vai a toda velocidade. Por que este trato de favor? Que se está agochando detrás destas présas?”, preguntou.
Besteiro esixe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare de inmediato se comprometerá fondos públicos neste proxecto e de cantos cartos falamos. “Pregunteino unha e outra vez, pero seguimos sen resposta. A opacidade e a falta de explicacións son xa a marca da casa do Goberno de Rueda, e Altri é un exemplo máis desta forma de actuar”, criticou.
Dixo que o PSdeG reclama unha posición clara e honesta do Goberno galego sobre este proxecto e non aceptará ningunha operación que comprometa recursos públicos sen garantir beneficios reais para Galicia. “Non imos permitir que se xogue cos cartos dos galegos e galegas sen dar explicacións. Estamos a falar de 250 millóns de euros, unha cantidade que podería destinarse a servizos esenciais e que agora se pon ao servizo dunha empresa privada sen garantir retorno. Esiximos transparencia, rigor e certezas. Galicia merece saber a verdade”, concluíu Besteiro.