O presidente da Comisión de Transportes no Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, salienta que “como lucense moi unido á Mariña, fun o primeiro en demandar que se priorizase esta obra, moi complexa e cun investimento de case tres millóns de euros”
“Os socialistas somos os únicos que conseguimos resultados para Galicia”, sinala o deputado por Lugo
José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Comisión de Transportes e Mobilidade no Congreso e candidato socialista á Presidencia da Xunta, anunciou que mañá martes, 26 de xaneiro, reabrirá ao tráfico a estrada N-642 no acceso a Burela dende Foz. Unha obra complexa que precisou dun traballo continuo por parte dos operarios -traballaron mesmo na fin de semana e en horarios nocturnos nas derradeiras semanas- para rematar o antes posible.
Besteiro subliñou “o compromiso do goberno socialista con esta obra. Investimos 2,57 millóns de euros de forma urxente para reparar a importante focha e o derrubamento provocado polas intensas choivas do mes de xaneiro no punto quilométrico 42, á altura de Areoura”. O derrubamento foi tal que comprometía a seguridade dos condutores.
O deputado por Lugo destacou que “esta é a principal vía de comunicación da Mariña e o seu peche causou grandes trastornos” polo que agradeceu ao Goberno de Pedro Sánchez o remate dunhas obras que foron complexas.
A actuación implicou a reposición da drenaxe lonxitudinal de todo o treito afectado en Areoura (Foz), a reparación da focha que orixinou a greta e a restitución do desmonte necesario para acometer as obras. “Foi unha obra complicada, pero unha vez máis, os socialistas asumimos as nosas responsabilidades e cumprimos coa palabra dada” dixo.
O deputado socialista por Lugo calculou en “máis de 20.000 os desprazamentos diarios que se realizan por esta estrada” que agora se reabre ao tráfico “unha cifra que pode chegar a triplicarse no verán”.
Colaboración institucional fronte á confrontación
Besteiro puxo en valor que os socialistas colaboran coas institucións fronte á constante confrontación de Rueda, unha política “pouco intelixente que provoca unha perda de oportunidades para o noso país. Galicia non medra como o resto de España”.
Nesta liña, salientou que “os socialistas somos os únicos que conseguimos resultados para Galicia”. Recordou que neste mes de decembro fíxose o último vano do viaduto do Pambre en Palas de Rei (A-54, Lugo); abriuse o paso soterrado de Oleiros coñecido como “Sol y Mar”; abrirase o carril en sentido A Coruña da A-6 en Becerreá despois de arranxar o talude; e da calzada da A-6 en dirección a Madrid -mentres que continúan as obras no viaduto en dirección á Coruña-; entre outras obras. Investimentos que se achegan aos 300 millóns de euros, só nestas infraestruturas.